O Concello de Cuntis efectuou traballos de mellora na sinalización horizontal das rúas próximas ao CPI Aurelio Marcelino García Rey.
A actuación, supervisada polo alcalde Manuel Campos, centrouse no repintado dos pasos de peóns, paradas de autobuses, zonas de estacionamento e vados nas rúas do Colexio, José María Lastra e Pedro Campos.
Esta iniciativa responde a unha demanda das familias do alumnado do centro educativo e tiña como obxectivo incrementar a seguridade viaria antes do inicio do curso escolar.
O alcalde destacou a importancia destas melloras nunha zona de gran tránsito, especialmente de rapazada.
Os traballos, inicialmente previstos para a semana pasada, tiveron que ser adiados ata o luns debido ás inclemencias meteorolóxicas.
O Concello agradeceu a comprensión dos residentes da zona, xa que foi necesario limitar temporalmente o aparcamento para realizar o pintado.