Reforzan a presencia policial para "garantir o dereito ao traballo" pola folga do transporte

Pontevedra
17 de marzo 2022

O delegado do Goberno, José Miñones, anunciou este xoves o despregamento de 2.000 axentes da Policía Nacional e da Garda Civil en lugares estratéxicos como portos e polígonos industriais de toda Galicia para evitar que o paro promovido por un colectivo minoritario deixe  desabastecidas ás empresas

Un camión de transporte que opera no parque empresarial do Campiño PontevedraViva

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, trasladou hoxe ás empresas galegas que a Delegación do Goberno traballa para garantir o dereito daqueles que opten por traballar durante as xornadas que dure o paro convocado por unha parte minoritaria do sector do transporte por estrada.

Explicou que a Delegación do Gobierno coordina desde o pasado luns un dispositivo que mobiliza a 2.000 axentes de Policía Nacional e de Garda Civil nas catro provincias galegas co obxectivo de garantir o dereito ao traballo e á actividade.

Despois dun acto celebrado esta mañá en Vigo, Miñones advertiu que o Goberno “non pode tolerar os actos violentos e as coaccións contra os transportistas”  e que traballa para dar todas as garantías para o transporte de servizos esenciais nas estradas de Galicia. Así, desde o luns, as forzas de seguridade xa realizaron 400 acompañamentos a transportes ata a mañá de hoxe e están en contacto permanente coas empresas que queren traballar “e que son a maioría”, indicou.

O representante do Goberno lembrou que este paro foi convocado por unha plataforma minoritaria do sector, que non forma parte do Comité Nacional de Transporte por Estrada. É este órgano, que representa a mais do 90% das empresas do transporte en España, o foro para negociar estas demandas e no que onte compareceu a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. “Precisamente, o propio Comité manifestouse en contra desta protesta”, insistiu.

Para aminorar o impacto do paro e a acción dos piquetes informativos, o Goberno reforzou a presenza policial en zonas como os portos, os accesos aos polígonos industriais ou as vías de comunicación principais. Ademáis, manteñen o contacto permanente e constante co empresariado e coas persoas afectadas con diferentes solucións pensadas para cada caso.

Con todo, os efectos da folga son cada vez máis notorios e graves. A industria láctea española anunciou este mércores a inminente suspensión da actividade trasformadora do leite. Alegan que as fábricas viron interrompido a subministración das materias primas necesarias para a elaboración dos seus produtos e para o traslado dos mesmos ás cadeas de distribución, Por iso comunican a suspensión da recollida do leite nas explotacións gandeiras a partir deste xoves, informan a través dun comunicado desde a Federación Nacional de Industrias Lácteas nun comunicado.

Tamén outros colectivos encargados do abastecemento de alimentos, como a pesca fresca, comunicaron recentemente a súa preocupación polas dificultades para descargar e trasladar o peixe. Por iso xa pediron amparo ao Goberno para que escolte aos camións que trasladan as capturas frescas aos principais mercados almacenistas do país.

No ámbito local, o mercado de abastos de Pontevedra continúa funcionando con normalidade. Con todo, este xoves algúns postos permaneceron pechados polas complicacións á hora de recibir produtos de fóra da costa das Rías Baixas. Con todo, tranquilizan os vendedores, a actividade nas prazas continuará "porque hai peixe".