Reforzan a plataforma para que os internos en Príncipe Felipe contacten coas súas familias

Pontevedra
12 de abril 2020

Esta actuación únese ao reforzo dos equipamentos informáticos, con ata 100 novos PC e 160 monitores, para que os menores poidan seguir as tarefas escolares e teñan máis opcións de entretemento por Internet con plataformas de televisión como Disney+ e Netflix

Plataforma tecnolóxica en Príncipe Felipe Deputación de Pontevedra

Que os nenos e nenas poidan contactar de xeito fluído coas súas familias mediante videoconferencias. É o obxectivo da actuación que vén de desenvolver a Deputación de Pontevedra en Príncipe Felipe co reforzo da plataforma telemática que permite as chamadas.

A situación extraordinaria provocada pola pandemia levou tamén ao goberno provincial a habilitar novos espazos en Agarimo e na Escola Fogar a fin de dotarlles de maior intimidade.

Esta actuación únese ao reforzo dos equipamentos informáticos, con ata 100 novos PC e 160 monitores, para que os menores poidan seguir as tarefas escolares e teñan máis opcións de entretemento por Internet con plataformas de televisión como Disney+ e Netflix.

Nestes días festivos, o centro está a desenvolver tamén menús de sobremesas especiais, habituais destas datas de Semana Santa.

Esta iniciativa se está a seguir no centro, pero tamén cos nenos e nenas do centro de día que agora están coas súas familias e que levan estes e outros produtos da Semana Santa no kit de alimentación diario que reciben nos seus domicilios.

SIMULACROS PARA O PERSOAL

Ademais, a Deputación está a desenvolver un plan de continxencia específico que foi elaborado para o persoal educativo, de limpeza, servizo de enfermería, mantemento, lavandería, vixilancia, manexo de residuos e desinfección.

Este plan leva aparellada a realización de simulacros a fin que todo o persoal, no caso de ser necesario, saiba como proceder en todo momento.

"Estase actuando e tomando decisións que van moito máis alá do que as normas esixen, porque o Príncipe Felipe é unha prioridade", sinalou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que informou que tamén chegaron ao centro novos equipos EPI e máscaras.