Reformada a cuberta do IES Johan Carballeira de Bueu cun investimento superior a 36.000 euros

Bueu
29 de outubro 2024
Actualizado: 17:35

A intervención permitiu solucionar os problemas de filtracións de auga que afectaban á zona do taller de soldadura, que tamén se emprega como almacén de maquinaria

IES Johan Carballeira de Bueu Xunta de Galicia

O IES Johan Carballeira de Bueu ten xa rematadas as obras de reforma da cuberta do seu taller de soldadura, unha actuación que supuxo un investimento de 36.187 euros por parte da Xunta de Galicia.

A intervención permitiu solucionar os problemas de filtracións de auga que afectaban a esta zona do edificio, onde tamén se garda maquinaria do centro.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o director territorial de Educación, César Pérez Ares, visitaron esta mañá as instalacións para comprobar o resultado das obras.

O instituto bueués recibiu nos últimos dez anos investimentos que suman 600.000 euros en diferentes melloras, entre as que destaca a substitución de luminarias realizada o pasado ano cun orzamento superior aos 144.000 euros.

Esta actuación forma parte do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.

Durante a visita, Reguera salientou o compromiso da Xunta co mantemento dos centros escolares.

Segundo indicou, en accións destas características a Xunta de Galicia mobiliza 278 millóns de euros para executar preto de 2.700 obras en centros educativos galegos entre 2021 e 2024.

Na provincia de Pontevedra, este plan xa permitiu realizar 613 intervencións, incluíndo 132 grandes obras, 460 actuacións pequenas e medianas, e 21 instalacións fotovoltaicas.

O investimento total na provincia alcanzará os 100 millóns de euros coas 21 actuacións aínda pendentes.