Reformada a zona de xogos no parque da Seta, os rapaces xa poden gozar das novas instalacións

Pontevedra
02 de marzo 2021

A firma Garocaprim SL vén de rematar os traballos de reforma integral das zonas de xogos. Os escolares xa poden gozar a partir do martes 2 de marzo do renovado parque infantil da Seta, no barrio de Campolongo. As obras están enmarcadas dentro do plan do concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes

Renovación do Parque da Seta en Campolongo Concello de Pontevedra

A firma Garocaprim SL vén de rematar os traballos de reforma integral das zonas de xogos. Os escolares xa poden gozar a partir do martes 2 de marzo do renovado parque infantil da Seta, no barrio de Campolongo. As obras están enmarcadas dentro do plan do concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes.

Os traballos están realizados baixo o obxectivo de que os espazos de lecer de Pontevedra cumpran coas normativas europea e autonómica en materia de seguridade, e ademais poidan certificarse anualmente pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC). As obras supuxeron un investimento de 6.700 euros, e permitiron mellorar a capacidade de amortecemento de pavimento, que se atopaba nunha situación irregular e afectado por fochancas, polo que tamén optimiza a seguridade na súa utilización.

A intervención supuxo o levantamento de todo o pavimento e area, a retirada das zonas con vexetación e herba e a aplicación dunha capa de area de 40 centímetros de espesor. Ademais disto, todas as pezas de madeira que presentaban deterioracións e podremias foron retiradas e substituídas por outras totalmente novas. As partes metálicas se substituíron por outras de aceiro inoxidable.

Asemade, substituíuse o mobiliario e as papeleiras, e renováronse as estruturas e elementos de xogo coas que conta o parque da Seta. Por último, aplicouse un tratamento de pintura especial para madeira, coa finalidade de prolongar a vida útil do parque infantil e alongar a necesidade de facer reparacións.

Tal e como aconteceu coas actuacións que se levaron a cabo nos espazos de lecer da Praza de Europa en Monte Porreiro, a Cidade de Pedra e os antigos terreos de Tafisa, os traballos de renovación leváronse a cabo seguindo os criterios marcados pola empresaSoluciones Técnicas de Ocio, contratada polo Concello.

As inspeccións e medicións dos técnicos de STO buscan conseguir os máximos estándares de calidade e seguridade para os parques infantís de Pontevedra, coa finalidade de evitar que se produzan accidentes.