Redúcese o número de peñas xuvenís pero aumentan os botellóns de adultos

Pontevedra
15 de agosto 2022

As prazas do centro histórico de Pontevedra foron un fervedoiro de xente durante a primeira fin de semana das Festas da Peregrina

Praza do Teucro chea de xente PontevedraViva

As prazas do centro histórico de Pontevedra foron un fervedoiro de xente durante a primeira fin de semana das Festas da Peregrina. 

Non houbo grandes incidencias nocturnas a pesar das miles de persoas que abarrotaron a cidade. Apenas un conato de pelexa e varias atencións por intoxicacións etílicas.

Unha circunstancia que se puido observar este ano é a redución do número de peñas xuvenís, anteriormente vinculadas aos festexos taurinos.

Pola contra este ano chamou a atención os botellóns protagonizados por adultos. Respecto a os motivos deste novo fenómeno os propios participantes achegaban algunhas explicacións como a falta de sitio en locais e terrazas para poder atender á multitudinaria presenza de cidadáns e tamén hai quen xustifica o botellón por ser unha fórmula moito máis barata.

Foi moi aplaudida a iniciativa dos hostaleiros de Hoempo de instalar oito urinarios na rúa Marqués de Aranda e na Praza de Santa María. 

Moitos dos que participan na celebración de penas botaron en falta tamén máis contedores nas prazas nos que poder tirar os residuos ou o baleirado dos xa instalados xa que desde moi cedo se atopaban cheos e con lixo acumulado xunto a eles.

Á espera dos datos oficiais por parte do Concello de Pontevedra, operarios do servizo de limpeza que traballaron no dispositivo desta fin de semana trasladaban o seu convencemento de que este ano se xerou menos lixo que en anteriores festas da Peregrina.