Redúcese a 62 días o tempo de espera cirúrxica na área sanitaria en 2024

Pontevedra
07 de marzo 2025
Actualizado: 14:44

Os tempos medios de espera mantivéronse estables nas consultas, de 58,2 días en 2023 a 58,6 días en 2024. José Flores, xerente da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, fixo un balance positivo destes datos

Concepción Abellás, José Flores, María Encarnación Lucas y Belén Sánchez
Concepción Abellás, José Flores, María Encarnación Lucas y Belén Sánchez

A Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés presentou este venres 7 un balance positivo da súa actividade cirúrxica e asistencial durante o ano 2024, destacando unha redución nos tempos de espera tanto en intervencións cirúrxicas como en probas diagnósticas.

José Flores Arias, xerente da área sanitaria, acompañado por Concepción Abellás Álvarez, directora de Enfermería; Encarnación Lucas Bermejo, directora de Atención Hospitalaria; e Belén Sánchez Rodríguez, coordinadora do Servizo de Admisión, ofreceron unha análise detallada dos datos durante unha rolda de prensa celebrada no Hospital Provincial.

No ámbito cirúrxico, a área sanitaria rexistrou un incremento do 3,6% no número de intervencións, pasando de 24.863 pacientes no 2023 a 25.760 no 2024. Este aumento de 897 cirurxías permitiu reducir o tempo medio de espera de 63,6 días a 62 días, unha mellora de 1,6 días. Nas intervencións de Prioridade 1, aquelas con maior urxencia, o tempo de espera medio baixou de 17,5 días a 15 días, unha redución de 2,5 días.

Flores destacou a importancia de aproveitar os recursos dos tres hospitales con capacidade cirúrxica da área, incluído o Hospital do Salnés, para optimizar os tempos de espera. "Somos a mesma área sanitaria, cos mesmos profesionais e as mesmas garantías de calidade", subliñou, animando aos pacientes a aproveitar esta posibilidade.

No 2024, 631 pacientes foron derivados desde Pontevedra ao Salnés para ser operados, principalmente en traumatoloxía, uroloxía, oftalmoloxía, otorrinolaringoloxía, dermatoloxía e xinecoloxía.

Por especialidades, traumatoloxía rexistrou un aumento do 13,6%, pasando de 3.264 a 3.707 intervencións, sendo a cirurxía que conta cunha lista de espera más ampla.

En oftalmoloxía, realizáronse 287 cirurxías máis, un 8% máis que no 2023, mentres que en uroloxía o incremento foi do 9,9%, con 194 intervencións adicionais. A área sanitaria mantén o terceiro posto en Galicia en intervencións con robot, cun incremento do 27,6%. As intervencións robotizadas pasaron de 372 en 2023 a 514 en 2024, destacando na franxa de idade de 65 a 90 anos.

Un dato destacable é o incremento do 500% en cirurxías vasculares en pacientes maiores de 90 anos, reflexo dunha poboación que vive máis e con maior calidade de vida, pero que require máis atención sanitaria.

No ámbito das probas diagnósticas, a área sanitaria realizou 409.362 probas no 2024, un 5,5% máis que no ano anterior. O tempo medio de espera para facer unha prova baixou de 88,2 días a 70,7 días, unha redución de 17,5 días. Por tipo de proba:

  • TACs: pasaron de 34.607 a 36.111 (+1.504).

  • Resonancias magnéticas: de 15.691 a 16.766 (+1.074).

  • Ecografías: de 42.491 a 44.868 (+2.377).

Consultas: máis volume, pero tempos de espera estables

Realizáronse un total de 546.125 consultas, 7.572 máis que no ano 2023:

  • Primeiras consultas: un incremento do 2,4% (+3.750 consultas).

  • Consultas sucesivas: subiron un 1% (+3.822 consultas).

Os tempos medios de espera mantivéronse estables nas consultas, de 58,2 días en 2023 a 58,6 días en 2024. As primeiras consultas teñen maior peso neste mantemento, xa que requiren máis tempo dos especialistas, segundo explicou o xerente.

Vías rápidas e cribados

As vías rápidas, destinadas a pacientes con diagnósticos sospeitosos, fundamentalmente por cancro, aumentaron un 5,9%, de 1.870 a 1.980 casos. O tempo medio de espera incrementouse de 3,5 días a 5,7 días debido á maior demanda causada polos cribados de cancro de mama, cérvix e colon, segundo apuntou o xerente.

Flores destacou que a redución dos tempos de espera logrouse grazas a un plan de optimización de espazos e persoal, así como ao compromiso dos profesionais, que prolongaron as súas xornadas para evitar tempos mortos nos quirófanos.

"Hai cousas razoables onde hai que poñer todo o empeño e todo o noso orzamento en sanidade, que son esas vías rápidas, esas atención aos pacientes máis sensibles, máis crónicos, máis fráxiles, pero o resto das persoas teñen que entender que hai actuacións demorables", indicou o máximo responsable da área sanitaria.

Nas consultas, implantáronse tamén sesións de tarde remuneradas para reducir as listas de espera, sobre todo en especialidades como dermatoloxía e neuroloxía, que son as que teñen unha lista de espera maior.

RETOS

Aínda que a área sanitaria mantén unha posición destacada en canto a baixas listas de espera dentro do sistema sanitario galego, Flores recoñeceu que o aumento da demanda e a cronicidade da poboación supoñen retos constantes. "O sistema non é infinito, pero seguiremos traballando para ser máis eficientes e equitativos", afirmou.

Admitiu que os datos son peores que antes da pandemia, pero insistiu no esforzo que se está facendo para atender as prioridades: "as actividades cirúrxicas están a tope, hai consultas, hai actividades de mañá e de tarde, moitísima máis que había no ano 2019". E sinalou que aumentou a demanda sanitaria: "falabamos tamén dos maiores de 90 anos, cada vez temos máis poboación crónica, máis pacientes que necesitan moitos coidados e cada vez con máis calidade de vida, porque é verdade que non se trata de vivir máis, senón de vivir mellor".

José Flores ofreceu os datos da actividade cirúrxica e de consultas en 2024PontevedraViva

PERSOAL 

En canto a persoal, Flores Arias indicou que hai un aumento importante de profesionais en diversos departamentos, destacando que, desde a súa chegada á Xerencia, se pasou de 29 anestesistas aos 48 actuais.

"A verdade que estamos nunha boa situación, como digo eu, nunca se poden botar as campás ao voo, senón que o mellor mañá estamos nunha situación diferente, pero hoxe en día temos profesionais, incluso por riba de plantilla, en moitas especialidades", manifestou, sinalando que "a única especialidade onde aínda temos dificultades de cobertura é radioloxía, que esperamos que agora, coa resolución das dúas OPEs que temos inminentes, podamos cubrir as prazas que temos vacantes".

Coa entrada en funcionamento do Novo Montecelo, o xerente asegurou que o cambio será moi estudado, "moi milimétrico, de maneira que non se vaia repercutir a asistencia. Imos tratar de manter a mesma actividade, tanto en consultas cirúrxicas como probas, como temos ata agora".

Argumentou que se tentará facer o traslado de departamentos no momento máis idóneo en canto a impacto de hospitalización e doutras situacións asistenciais.

Tempo de espera para pacientes na área de PrioridadesÁrea sanitaria de Pontevedra-O Salnés
Vías Rápidas ante a sospeita de cancroÁrea sanitaria de Pontevedra-O Salnés
Listas de espera de consultas en 2024Área sanitaria de Pontevedra-O Salnés