De 100 metros a tan só 50. É a distancia máxima entre unha vivenda e a rede de saneamento municipal que se fixará como de conexión obrigatoria na nova ordenanza de verteduras que ultima o Concello de Pontevedra. É dicir, todas aquelas casas que disten máis deses 50 metros da rede, non estarán obrigadas a engancharse ao saneamento.
É unha das principais novidades dunha ordenanza que sairá a exposición pública nos próximos días. A intención do goberno municipal é que esta nova normativa condicione xa o novo contrato coa compañía que se encargará deste servizo.
Ademais da distancia, tamén estarán exentas de conectarse aquelas vivendas que, á hora de engancharse á rede, haxa que atravesar autoestradas, autovías, vías de tren ou estradas de titularidade doutra administración.
Tampouco terán que conectarse cando interrompa o trazado das redes de electricidade, gas ou telecomunicacións, cando haxa que cruzar un río ou regacho ou se existe unha imposibilidade técnica pola dureza do terreo ou o ancho do camiño.
O portavoz do goberno municipal explicou que, entre os cambios, incluirase tamén que o mantemento das acometidas entre a rede xeral e o límite da propiedade será a conta do Concello e será de aplicación con independencia do modelo de xestión.
DESESTIMAN ALEGACIÓNS AO MERCADO
En canto a outra das ordenanzas que se están tramitando, a que regulará o mercado de abastos, Raimundo González explicou que se desestimaron todas as alegacións presentadas a esta nova normativa.
O edil do BNG asegurou que a asesoría xurídica emitiu un informe contrario ás mesmas, xa que considera ilegal que se poidan ampliar as concesións de forma automática.