'Recuperar para construír', primeiro foro sobre memoria histórica en Soutomaior

Soutomaior
08 de novembro 2024

O encontro divídese en dous días e analizará desde diferentes perspectivas o proceso de recuperación da memoria histórica a nivel político, social e cultural

Estrea do documental 'Acorda. Cartografía Musical da Memoria Histórica de Pontevedra' Mónica Patxot

O Concello de Soutomaior acollerá, por primeira vez, un foro sobre memoria histórica.

Será este venres 8 e sábado 9 de novembro no Multiusos de Arcade, cunha programación que abarca desde varios coloquios e exposicións até a proxección dun documental e a representación dunha peza teatral.

Todo nunhas xornadas que se titularon 'Recuperar para construír'.

O I Foro sobre Memoria Histórica de Soutomaior comezará ás 17.00 horas coa apertura das exposicións 'Acorda' e 'Reixa', que se poderán visitar tanto o venres como o sábado entre as 17.00 e as 21.00 horas no salón de actos do Multiusos.

O venres ás 20.00 horas proxectarase o documental 'Acorda'.

Posteriormente, ás 21.00 horas, terá lugar o coloquio 'O papel das institucións públicas no proceso de recuperación'.

Será coa participación do alcalde, Manu Lourenzo; o deputado autonómico Luís Bará; a ex deputada de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, María Ortega; e a deputada no Congreso, Marica Adrio.

En canto ao sábado, a compañía Os Quinquilláns representará a obra teatral 'A señora de Forcadela', baseada na vida de Josefa García Segret, mestra represaliada no franquismo.

Ademais celebrarase o coloquio 'Espertar a memoria' coa xornalista e escritora Montse Fajardo, a historiadora Natalia Jorge Pereira, a actriz Tero Rodríguez e o tamén historiador Xosé Álvarez Castro.