Recuperar a bienal de arte e centrala na creación e o deseño, primeira iniciativa electoral do BNG

Pontevedra
27 de abril 2023

Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG á alcaldía de Pontevedra, presentou este xoves fronte ao Café Moderno a súa aposta para que "Galiza e o mundo volvan mirar cara Pontevedra unha vez máis"

Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG á alcaldía de Pontevedra, propón recuperar a Bienal e centrala na creación e o deseño Mónica Patxot

As eleccións municipais están ao virar a esquina e os candidatos, en plena precampaña, empezan a mostrar as súas cartas.

O BNG, co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores á cabeza, presentou hoxe unha das súas grandes iniciativas de cara ao próximo mandato: organizar na Boa Vila unha bienal centrada na creación e o deseño contemporáneo na que as facultades de Belas Artes e Ciencias Sociais ou o Museo, así como o sector artístico e investigador da capital, serán piares fundamentais.

O candidato nacionalista estivo acompañado pola arquitecta Teresa Táboas e a directora do Máster en Deseño e Dirección Creativa en moda da Facultade de Belas Artes, Lola Dopico, na presentación deste proxecto. Ambas as dúas serán as encargadas de liderar e coordinar os preparativos da bienal.

Na praza de San José e con vistas ao Café Moderno, Lores escolleu este escenario porque "aquí respírase innovación, creatividade e moita historia. Aquí naceu ou arquitecto Alejandro de la Sota, facíanse as tertulias nas que participaban Castelao, Bóveda ou Cabanillas; onde se deu a benvida a Lorca ou onde se redactou ou estatuto do 36", lembrou o rexedor no seu primeiro acto de precampaña que coincide co Día Internacional da Creatividade.

Organizar un certame artístico na cidade non é unha ocorrencia. Pontevedra foi no ano 1969 a primeira cidade de España en organizar un evento destas características. O éxito foi rotundo e a bienal converteuse nunha referencia durante preto de dúas décadas. "Queremos recuperar a bienal e adaptala ao 2023", proponse Lores.

Para logralo, no BNG queren implicar a toda a cidade. "Que Galiza e o mundo miren cara Pontevedra unha vez máis", recalca o mandatario. O programa incluirá distintas localizacións, desde o Teatro Principal ou o Pazo da Cultura ata as prazas e rúas do centro histórico ou os locais sociais das parroquias. "Será un proxecto transversal, desde a cidade ao rural e desde a empresa aos autónomos", engade o candidato do Bloque.

Serán protagonistas desta bienal centrada na creación e o deseño un equipo formado por "profesionais independentes e influintes" entre os que non faltarán artistas multidiciplinares, investigadores e pensadores. O sector da creación e o deseño local ocupará tamén un espazo preeminente e o programa incluirá conferencias, debates, exposicións, espazos de investigación e residencias artísticas. 

Con todo, a recuperación deste evento non será inmediata. "É un compromiso electoral firme", puntualizou Lores deixando claro que a súa organización dependerá de que conserve o bastón de mando. De conseguilo, precisarán un tempo para redactar o proxecto. "A primeira edición sería ideal facela dentro de dous anos. Traballaremos de pequeno a grande. É un prazo realista e serio porque como mínimo fai falta un ano para o deseño da bienal", explicou con prudencia Lola Dopico. 

Pola súa banda, Teresa Táboas mostrouse entusiasmada coa idea de recuperar a bienal e asegura que eventos deste tipo supoñen un "momento histórico que cambian as cidades e a bienal era algo que lle faltaba a Pontevedra". 

A profesora de Belas Artes está convencida de que o deseño "encaixa moi ben co modelo de cidade". Neste sentido, asegurá que "temos axentes culturais impresionantes", dixo citando institucións como o Museo, o Campus Crea ou a futura Facultade de Deseño. "É o momento de lanzar este proxecto", remata Dopico.