Recoñecemento a nivel europeo para A Lama polo programa radiofónico 'Ellas improvisan'

A Lama
06 de xuño 2023

A organización dos Prison Achievement Award recoñeceu o traballo radiofónico coas internas na Lama e o proxecto de saúde mental en Ocaña II. EuroPris recoñece aos impulsores do programa, un espazo de radio no que cada semana traballadores penais e internas comparten micrófonos

Trofeos dos Prison Achievement Award Secretaría General de Instituciones Penitenciarias / Twitter

'Ellas improvisan', o programa radiofónico que realizan as internas do cárcere da Lama emulando 'El Faro' de Mara Torres de Cadena Ser acaba de valerlle un recoñecemento ao centro pontevedrés. 

A Organización Europea de Prisións e Servizos Correccionales (EuroPris) acaba de premiar este programa semanal, que xa o pasado mes de marzo fixo que o nome da prisión da Lama se escoitase en toda España grazas á visita da propia Mara Torres, que realizou unha das súas edicións desde o interior da prisión. 

EuroPris é unha organización en rede europea que facilita a cooperación, a aprendizaxe mutua e o intercambio de boas prácticas entre os servizos penais europeos. 

Tal e como informou a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, a organización dos Prison Achievement Award recoñeceu o traballo radiofónico coas internas na Lama e tamén o proxecto de saúde mental en Ocaña II

No caso de 'Ellas improvisan', desde  Institucións Penitenciariasdestacan que EuroPris recoñece aos impulsores do programa, un espazo de radio no que cada semana traballadores penais e internas comparten micrófonos.

En canto ao premio para Ocaña, recoñécese ao equipo multidisciplinar de ‘Sin Prejuicios’, a publicación sobre saúde mental en prisión que elaboran man a man técnicos, funcionarios de vixilancia, sanitarios, colaboradores e internos en Ocaña II. 

Ademais, recibiron unha mención especial nos premios a ‘Comunidad Integra’, o módulo de Madrid VII (Estremera) no que o persoal do centro e a asociación Plena Inclusión traballan con persoas con discapacidade intelectual que cumpren penas privativas de liberdade e o proxecto cultural de escritura, lectura e expresión en radio ‘Palabras prisioneras’, unha iniciativa na que colaboran os traballadores do centro penal de Tenerife, o CEPA Farola de Santa Cruz e a Universidad de la Laguna.