Recomendan non circular preto do Recinto Feiral o sábado á mañá ao estar citadas 1.700 persoas para vacinarse

Pontevedra
11 de marzo 2021

Este sábado 13 de marzo comezará no Recinto Feiral de Pontevedra a vacinación do grupo de idade de entre os 50 e os 55 anos. Dado que na zona vanse concentrar un gran número de persoas e vehículos, entre as 8h e as 15h, desde o Concello lánzase a recomendación de evitar o tráfico nas inmediacións

Vacinación fronte á covid-19 Sergas

Este sábado 13 de marzo comezará no Recinto Feiral de Pontevedra a vacinación das persoas pertencentes ao grupo de idade de entre os 50 e os 55 anos. Dado que na zona vanse concentrar un gran número de persoas e vehículos, desde o Concello de Pontevedra lánzase a recomendación de evitar o tráfico nas inmediacións co obxecto de favorecer a organización e a circulación fluída para as persoas que están citadas para participar na proba de vacinación masiva do Sergas.

Entre as 8h e as 15h está previsto que se acheguen ao Recinto Feiral ao redor de 1.700 persoas, previamente citadas polo Sergas, para o que o Concello, a través da Policía Local, establecerá un dispositivo especial de control de tráfico na zona para facilitar que a afluencia se realice de xeito ordenado e sen demoras.

Segundo comunicaron os responsables do Sergas ao Concello, as persoas citadas recibiron unha mensaxe no móbil que inclúe un código QR e a ligazón coa localización do Recinto Feiral, así como a recomendación de que respecten o horario que se lles asigna e que acudan á cita coa máxima puntualidade, co obxecto de evitar esperas innecesarias ou aglomeracións.

A Policía Local establecerá controis de acceso na rúa Alexandre Bóveda, nas entradas do estacionamento do Recinto Feiral e no acceso ao propio recinto, ao que só permitirá o paso aos vehículos cuxos condutores presenten o código QR da cita para a proba de vacinación.

Ademais, o mesmo sábado na contorna do Recinto Feiral celébrase o mercado ambulante, polo que a rúa Rafael Areses permanecerá toda a mañá cortada ao tráfico. Desde o Concello avisan aos condutores que teñan tamén en conta esta circunstancia para limitar o tránsito pola zona.