Recomendan aplicar funxicida natural ás viñas máis tardías ante a chegada das chuvias

Pontevedra
06 de setembro 2024

O persoal técnico da Estación advirte de que as viñas máis tardías poden verse afectadas debido a que, malia o descenso das temperaturas nocturnas, as diúrnas seguen a ser propicias para o desenvolvemento da botrite

Mazás en fase de podremia Estación Fitopatolóxica do Areeiro - Deputación de Pontevedra

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, pertencente á Deputación de Pontevedra, alerta os agricultores da provincia da necesidade de adoptar medidas para evitar a chegada de pragas e enfermidades ante as primeiras choivas de setembro.

O persoal técnico da Estación advirte de que as viñas máis tardías teñen a posibilidade de verse afectadas debido a que, malia o descenso das temperaturas nocturnas, as diúrnas seguen a ser propicias para o desenvolvemento da botrite.

Por este motivo, recomendan a aplicación dun funxicida natural dirixido aos acios.

No caso de non optar por este tratamento e de quedar aínda tempo para a vendima, aconsellan realizar operacións de mellora da ventilación.

Desde O Areeiro tamén desaconsellan eliminar brazos de plantas e cepas con síntomas de enfermidades da madeira en condicións de tempo húmido, xa que isto podería incrementar a densidade de esporas no ambiente.

Sobre o mildio, os técnicos informan de que apenas se observaron manchas de maneira circunstancial en plantas sen tratamento que non sufriron defoliación total.

En canto ás árbores froiteiras, os expertos lembran a importancia de retirar e eliminar froita podre tanto da árbore como do chan para reducir a presenza de patóxenos e de insectos como avespas e moscas da froita.

Para os castiñeiros, recomendan a retirada dos ourizos caídos prematuramente ou que presenten cor marronácea na árbore, co obxectivo de minimizar a presenza do patóxeno Gnomoniopsis e dalgúns insectos da castaña.