Recollida solidaria a favor dos bancos de alimentos nos supermercados Gadis

Pontevedra
12 de maio 2020

Para esta campaña, debido ás actuais circunstancias sanitarias, a compañía instalará e sinalizará os espazos habilitados para que os clientes poidan realizar as súas doazóns sen a presenza de voluntarios nos puntos de venda para manter a seguridade

Recollida solidaria de alimentos nun supermercado Gadis Gadis

Os catro supermercados Gadis da cidade de Pontevedra, xunto cos de Bueu, Marín e Sanxenxo únense á oitava campaña ‘Maio solidario’, cuxo obxectivo é a recollida de produtos non perecedoiros para destinalos a 11 bancos de alimentos de Galicia e Castela e León.

Ata o 31 de maio estará operativa a recollida solidaria en 196 supermercados de ambas comunidades autónomas.

As entidades que percibirán a axuda son os bancos de alimentos Rías Altas (A Coruña, Ferrol e Santiago), Lugo, Ourense, Vigo, Ávila, León, Palencia, Ponferrada, Salamanca, Valladolid e Zamora. Desde Gadis infórmase que "se optou pola fórmula de colaboración cos bancos de alimentos tendo en conta a súa experiencia e eficacia na repartición equitativa entre asociacións e ONG´s de axuda aos menos favorecidos".

Para esta campaña, debido ás actuais circunstancias sanitarias, a compañía instalará e sinalizará os espazos habilitados para que os clientes poidan realizar as súas doazóns sen a presenza de voluntarios nos puntos de venda para manter a seguridade.

A compañía quere destacar a gran xenerosidade e solidariedade mostrada por clientes e traballadores en anos precedentes. Desde que en 2013 arrincou esta campaña solidaria, reuníronse en total 932.807 quilos.

Ademais desta campaña, recentemente a compañía realizou unha doazón directa de 30.000 quilos a 11 bancos de alimentos para paliar a escaseza de produtos ante o incremento da demanda por parte dos menos favorecidos. Atendendo ás súas peticións, Gadis priorizou a entrega de leite, galletas, cereais, conservas, aceite, legumes e arroz, o que supuxo máis de 40.000 unidades de produto.