Recollida de tapóns para loitar contra o fracaso escolar en familias con escasos recursos

Pontevedra
24 de marzo 2021

Paula Chapela e Rosa Coello da Fundación Amigos de Galicia presentaron este mércores a nova campaña 'Conectad@s', destinada ao pago de ordenadores, tabletas e conexión a internet para menores galegos en idade escolarizada. O obxectivo é loitar contra a brecha dixital actual que viven moitas familias galegas con escasos recursos     

Rosa Coello e Paula Chapela presentando a campaña "Conectad@s" Isabel Feijóo

Paula Chapela e Rosa Coello da Fundación Amigos de Galicia, presentaron este mércores a nova campaña 'Conectad@s', que ten como obxectivo loitar contra o fracaso escolar pola brecha dixital.

A Fundación Amigos de Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro que se dedica á axuda de persoas en situación ou risco de exclusión social. Nesta ocasión a Fundación desenvolve a campaña 'Conectad@s' que, segundo Paula, está destinada ao pago de ordenadores, tabletas e conexión a internet para menores galegos en idade escolarizada co obxectivo de loitar contra a brecha dixital actual que viven moitas familias galegas con escasos recursos.

Paula Chapela explicou durante a presentación que a campaña xorde debido ao elevado número de solicitudes que a entidade está a recibir nos últimos meses de familias galegas que carecen de dispositivos informáticos necesarios e de internet nas súas casas. Isto imposibilítalles aos menores realizar o curso escolar e as súas tarefas de xeito telématico ao igual que o fan outros escolarizados xa que, segundo explican, a crise da covid-19 puxo en manifesto a realidade da desigualdade tecnolóxica.

"Neste mes recibimos 89 solicitudes, 33 da zona de Pontevedra" asegurou a responsable de comunicación, que tamén comentou que xa realizaron a entrega dun ordenador e unha conexión a internet durante un ano a unha familia de Ribadumia, e que proximamente teñen previsto facelo en Pontevedra, Marín, Moraña e Redondela.

Destacan que todas as solicitudes que reciben son valoradas polo Departamento de Traballo Social da entidade e que contan cun informe social favorable dos Servicios Sociais, á vez que con outro informe docentro escolar onde estudan estes menores.

 

COMO COLABORAR

Para que a xente poida colaborar na campaña, a entidade pon a disposición das persoas un listado de puntos de recollida de tapóns que se pode consultar na súa páxina web. Tamén habilitarán a oficina da que dispoñen no edificio da Xunta, na rúa Benito Corbal de Pontevedra, como punto de recollida de tabletas e ordenadores de segunda man en bo estado que poidan servirlle aos menores que os necesiten.

Ademais da recollida de tapóns e dispositivos dixitais, segundo Paula, a Fundación tamén habilitou outros medios de doazón xa que debido ás restricións de movilidade estase a dificultar a recollida de tapóns. Desta forma poderaseaxudar de maneira económica a través dun número de conta habilitado para elo, e disporán nos próximo días dun número de teléfono para realizar doazóns tamén a través da plataforma de pagos 'Bizum'.