Recollida de sinaturas para esixir á Xunta melloras no centro de saúde de Arcade

Soutomaior
11 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Os nacionalistas piden máis persoal e que se cubra a praza de Pediatría  

Centro de saúde de Arcade

O BNG de Soutomaior vén de anunciar o comezo dunha campaña de recollida de firmas co obxectivo de "esixir á Xunta que poña fin á política de recortes na sanidade pública de Soutomaior que leva anos a aplicar contra a veciñanza do noso concello". 

O sábado 13 de abril a partir das 10:00 horas, o BNG de Soutomaior instalará un punto de recollida de sinaturas na Alameda de Talo Río.

No BNG de Soutomaior sinalan que no centro de saúde deste concello "soamente hai tres médicos para atender a toda a poboación", o que supón unha ratio de 2.500 habitantes por facultativo. "O noso concello leva agora mesmo máis de 500 días sen un ou unha pediatra que atenda ao case milleiro de nenos e nenas censadas en Soutomaior", denuncian. 

O responsable local do BNG de Soutomaior, José Costas, sinalou directamente ao Partido Popular e á Xunta como "únicos culpables da situación na que vive o centro de saúde de Arcade". 

Os nacionalistas animaron á veciñanza de Soutomaior a achegarse este sábado a partir das 10:00 á Alameda de Talo Río para asinar a petición.