Que sexan declaradas espazos sen fume de tabaco e sen cabichas. É a petición que a asociación nofumadores.org realiza á ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera. A través dunha recollida de firmas, esixen que se prohíba fumar en todos os parques nacionais españois.
Esta petición afectaría, de ser atendida, aos arquipélagos de Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora, as illas que integran o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.
Máis de 48.000 persoas asinaron xa esta petición a través da plataforma change.org, na que se lembra que o tabaco é a "causa principal" de mortes "evitables" no mundo e na que se reprocha que se lancen "miles de millóns de cabichas" nos espazos naturais.
nofumadores.org explica que o 3,25% dos incendios forestais prodúcense por cabichas mal apagadas, o que provocou a queima de máis de 40.000 hectáreas de bosques nas últimas dúas décadas.
Ademais, lembran que unha cabicha de cigarro tarda ata dez anos en degradarse e que "contamina o chan" con alcatrán, chumbo, mercurio, amoníaco e acetato de celulosa, "substancias venenosas que quedan na auga e a terra, envenenando así á nosa fauna".
Esta petición quere conseguir "espazos libres de fume de tabaco", nos que as persoas "poidan gozar coa familia do aire puro que nos dan os nosos bosques".