Reclaman equipos de protección individual axeitados para o persoal de atención primaria

Pontevedra
17 de abril 2020

A Federación de Sanidade de Comisións Obreiras de Galicia demanda ao Sergas que minimice os riscos de contaxio na atención primaria, ademais denuncia a ineficacia do protocolo de traslados en ambulacia de persoas consideradas sospeitosas de ser positivas en Covid-19 desde as zonas rurais ata os centros hospitalarios

Centro de Saúde de Marín Diego Torrado

A Federación de Sanidade de Comisións Obreiras de Galicia esixe ao Sergas que tome medidas para reducir os riscos de contaxio biolóxico entre o persoal de atención primaria. Este sindicato sinala que se trata da primeira porta de acceso ao sistema sanitario e os profesionais deben de contar cos equipos de protección individual (EPI) adecuados para realizar o seu traballo. Desde CC.OO. entenden que neste momento a protección non é a adecuada.

Neste sentido, denuncian que o Sergas obriga ao persoal que debe trasladarse nos seus vehículos particulares ao domicilio de persoas que deron resultado positivo en coronavirus, ou que existen sospeitas de que poidan ser positivos. Ademais só f se lles facilita unha máscara cirúrxica, que non serve para a súa protección nin é unha barreira para o contaxio, e unha bata que non cobre toda a súa roupa.

A continuación, este persoal sanitario debe regresar no seu vehículo, sen dispoñer dun lugar para cambiarse de roupa, que pode estar contaminada, e sen as garantías de desinfección do vehículo, que en numerosas ocasións tamén comparte a súa familia ou persoas relacionadas con este persoal.

INEFICACIA DE TRASLADOS EN AMBULANCIA

A estas críticas súmase a denuncia pola "ineficacia" do protocolo de traslados en ambulancia nos casos de persoas sospeitosas de ser positivas en Covid-19 desde zonas do rural ata o centro hospitalario.

CC.OO. sinala que estes traslados son realizados por persoas dos puntos de atención continuada (PAC). Desta forma, deixan o seu posto baleiro e sen atención para atender outros casos de urxencia.

O traslado realízase nun espazo reducido, segundo o sindicato, sen posibilidade de manter a distancia de seguridade establecida co paciente. Apuntan que as cabinas contan con tres asentos a menos dun metro de distancia da persoa que vai na padiola. 

Por último, engaden que o persoal das ambulancias ao chegar ao hospital teñen que deixar que se descontamine o vehículo, unha actividade que se realiza de forma diferente en cada área sanitaria. Nalgúns casos, os profesionais deben esperar deixando o centro de saúde ou o PAC sen o seu servizo ata que finaliza a descontaminación. Ademais, reclaman ao Sergas unha instrución sobre onde se deben retirar os equipos de protección individual despois de cada uso.