Reclaman ‘cambiadores inclusivos’ para a cidade de Pontevedra

Pontevedra
18 de febreiro 2022

A Asociación Cambiadores Inclusivos, con sede en Bilbao, trasladouse a Pontevedra para reunirse con diversas entidades para impulsar a creación de aseos 100% accesibles na cidade. Chama a atención que en España só exista un aseo deste tipo fronte aos 1.500 instalados en Gran Bretaña

Interior dun cambiador inclusivo Asociación Cambiadores Inclusivos

A Asociación Cambiadores Inclusivos, con sede en Bilbao, trasladouse a Pontevedra para reunirse con diversas entidades para impulsar a creación de aseos 100% accesibles.

Neste encontro estiveron presentes representantes de Amencer-Aspace (Asociación de Atención a persoas con parálise cerebral e/ou trastornos neuromotores afíns), Assei (Asociación sociosanitaria Enfermidades Intestinais inflamatorias  Ostomizados), Asem Galicia (Asociación galega contra as enfermidades neuromusculares) e Amizade (Asociación de persoas con discapacidade da comarca de Pontevedra). Tamén participaron o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, e a deputada provincial de Cohesión Social, Olga García.

O obxectivo desta reunión é promover que se instalen en espazos estratéxicos da cidade aseos públicos "para garantir que as persoas que teñan a necesidade de facer uso deste tipo de recurso teñan aseos dignos que contribúan a mellorar a súa calidade de vida", manifestan desde a Asociación de Cambiadores Inclusivos.

Na súa páxina web, o colectivo lanza unha pregunta de calado: "Se existen cambiadores para bebés... por que non existen cambiadores para outras persoas?"

A asociación comprométese a facilitar a información técnica e asesoramento para que poida propoñerse na cidade de Pontevedra a habilitación destes cambiadores en espazos públicos

PROXECTO ‘CAMBIADORES INCLUSIVOS’

A asociación denuncia que na actualidade os baños adaptados non dan resposta a todas as necesidades e non existen en todas as cidades, incluída Pontevedra. Ademais, tampouco son inclusivos, xa que non dispoñen das ferramentas básicas que necesitan para "poder utilizar o aseo de maneira fácil, autónoma e digna".

Como mínimo un cambiador inclusivo está formado por un inodoro, un lavabo, unha ducha e unha padiola nun espazo adecuado para persoas con grandes necesidades de apoio na hixiene, o que fai que se cubran as necesidades básicas para o aseo persoal, que actualmente non satisfán os baños accesibles estándar.

Dispoñen de rolos de papel ancho para cubrir a padiola, un gran cubo para os cueiros e demais residuos, e un chan antiescorregadizo. Contan ademais cun equipamento adecuado formado por unha padiola de altura axustable para persoas adultas, un sistema de elevación de seguimento (ou un guindastre móbil se isto non é posible), e unha cortina ou biombo para favorecer a privacidade.

Doutra banda, dispón dun espazo amplo, de ao redor de 12 metros cadrados, que permite a asistencia de ata dúas persoas para a hixiene persoal, así como un control de acceso xestionado e coordinado para garantir a funcionalidade.

1.500 CAMBIADORES EN GRAN BRETAÑA, SÓ UN EN ESPAÑA

En España existe un único cambiador inclusivo localizado nos meses de verán na praia de Nova Icària, en Barcelona. Actualmente, foi cedido á localidade biscaíña de Etxebarri para que as persoas que o necesiten fagan uso e valoren a súa funcionalidade, co obxectivo de contar cun propio.

Desde esta Asociación de ámbito nacional reclaman a presenza deste tipo de aseos en todos os espazos de uso público en todo o territorio español, como ocorre noutros países como Gran Bretaña, onde as persoas con necesidades de apoio dispoñen de máis de 1.500 cambiadores deste tipo por todo o país.