Reclaman ao Concello que renuncie a usar a praza de touros na Feira Franca

Pontevedra
31 de agosto 2023

Galicia, Mellor Sen Touradas e Fundación Franz Weber insisten en buscar programación alternativa ao uso do coso ao entender que esta ocupación é a xustificación empregada polo Concello para seguir abonando un acordo de arrendamento

Torneo medieval na Feira Franca 2022 Mónica Patxot

A Fundación Franz Weber e a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas instaron este xoves ao Concello de Pontevedra a renunciar ao uso da praza de touros durante os festexos da Feira Franca, sinalando que existen suficientes ideas alternativas ao emprego deste recinto. 

Argumentan que é precisamente esta ocupación do coso durante unha xornada a que xustifica o Goberno local para manter un contrato de arrendamento que xa custou preto dun millón de euros aos pontevedreses desde 1999. 

Naturalistas e abolicionistas consideran que a "falta de transparencia sobre o convenio, a titularidade municipal do chan sobre o que se asenta a praza e parte indivisible do recinto", son "escusa suficiente para iniciar un procedemento de expropiación, tendo en conta que Pontevedra gañaría un espazo público multiusos". 

Ambos os colectivos seguen esperando a resposta do executivo municipal á súa solicitude de información sobre o custo do arrendamento nos tres últimos exercicios, datos que varias semanas despois do seu rexistro oficial aínda non foron entregados. 

Estes colectivos sinalan que "o Concello de Pontevedra mantivo a alfombra vermella para os promotores das corridas de touros na cidade, permitindo a instalación de grandes elementos publicitarios na vía pública sen achegar nin un euro pola ocupación do espazo municipal nin por realizar unha actividade comercial no mesmo, ou facilitando a limpeza e case calquera acción que se requira durante o acto da Feira Franca".  

Aínda que recoñecen que se trata dunha cantidade que non permite financiar as corridas na súa totalidade, recalcan que se supón un "subsidio indirecto, por canto acaba nas contas bancarias de quen as promove durante o mes de agosto" e destacan que esta circunstancia "choca" coa declaración de Pontevedra como "municipio antitaurino" en 2018.

 

Arquivado en