Reclamacións socialistas a Renfe para que aumente frecuencias e axuste horarios nos trens de media distancia

Pontevedra
14 de decembro 2023

O grupo municipal socialista presentará unha moción no pleno con trece puntos para instar a Renfe a que mellore o transporte ferroviario ao paso pola estación de Pontevedra. Iván Puentes, portavoz do PSOE, explicaba con Xosé Rúas, da Plataforma de Usuarios de Media Distancia de Renfe en Galicia que o aumento de pasaxeiros tamén desvelou notables carencias

Iván Puentes, do PSOE, e Xosé Rúas, voceiro da plataforma de usuarios de Media Distancia de Renfe Mónica Patxot

Xosé Rúas é un usuario de tren que, a diario, viaxa de Ourense a Pontevedra. Antes gastaba entre 300 e 400 euros mensuais de gasoil en realizar este traxecto en turismo, agora por vinte euros adquire o bono para viaxar durante catro meses en tren. 

Foi unha "revolución" cando o goberno adoptou esta decisión, explica, pero tamén recoñece que Renfe non estaba preparada para afrontar o volume de viaxeiros e sinala diversas carencias que se detectan no servizo de transporte ferroviario.

Relata que se multiplican os tempos entre paradas ante a presenza de tantos usuarios e tamén que se atopan con cuestións organizativas absurdas na conexión sur como a necesidade de adquirir dous bonos distintos para viaxar de Ourense a Santiago e outro desde Santiago a Pontevedra, con obrigacións que resultan sorprendentes: "danse situacións tan ridículas como chegar a Santiago e ter que saír e entrar outra vez á estación e volver pasar o control para pasar o escáner do billete electrónico".

Por este motivo pide unha conexión Vigo-Pontevedra-Santiago-Ourense cun único billete ou cun único bono de viaxe.

Rúas é un dos portavoces da Plataforma de Usuarios de Media Distancia de Renfe en Galicia e, entre as demandas que expón este colectivo figura un reaxuste de horarios para que poidan establecerse conexións entre trens porque un atraso nun convoi dificulta as ligazóns entre distintas liñas ferroviarias.

"Hoxe saín ás 6:45 horas de Ourense, cheguei ás 7:23 horas a Santiago de Compostela, tentei montar no tren que saía cara a Pontevedra cinco minutos despois, ás 7:28 horas, e xa non había prazas, polo que tiven que agardar alí durante unha hora até que saíu o seguinte tren, o das 8:28 horas, que finalmente chegou ás 9:05 horas a Pontevedra. O tren seguinte, que sae ás 7:55 horas de Ourense, chega ás 8:33 horas a Santiago e cinco minutos antes acaba de saír o que vén de Coruña en dirección a Pontevedra e Vigo", relata o usuario de Renfe.

A Plataforma tamén entende que é necesario crear un consorcio de transporte en Galicia que permita coordinar os diferentes servizos. 

O grupo municipal socialista recolleu as diferentes peticións dos usuarios e, desta maneira, Iván Puentes anunciaba que presentarán unha moción no próximo pleno para que o Concello inste o Ministerio de Transportes do goberno que preside Pedro Sánchez a mellorar a conexión ferroviaria nas liñas que afectan á estación de Pontevedra. 

Puentes explica a moción indicando que "é importante que non só sexa unha cuestión do PSOE senón que a corporación en pleno á marxe das diferenzas políticas mostre que estamos de acordo". 

A moción recolle as seguintes peticións no servizo que ofrece actualmente Renfe:

1. Engadir unha frecuencia con saída ás 6.10 da mañá desde A Coruña e desde Vigo, que faga as catro paradas principais (Santiago, Vilagarcía, Pontevedra e Vigo).

2. Engadir unha frecuencia con saída desde A Coruña entre as 15.00 e as 17.00 horas, destino Vigo.

3. Retroceder os axustes horarios feitos por Renfe para enlazar co AVE en Ourense, que deixan a estación de Santiago de Compostela sen trens entre as 20.17 e as 22.00 horas.

4. Crear un novo servizo de proximidade Santiago-Vilagarcía-Pontevedra-Vigo, combinado coa media distancia.

5. Dar prioridade á liña galega na asignación á alta velocidade dos novos trens Avril de ancho variable, destinando o reforzo das frecuencias de hora punta no servizo público o material rodante que funciona actualmente como lanzadeira para o servizo AVE.

6. Buscar sinerxias entre os servizos de Media Distancia e as prazas dos trens Alvia que non se están combinando comercialmente na actualidade.

7. Abrir unha xanela de última hora en todos os Alvia para reservar billetes como abonados regulares nestes trens, optimizando os asentos que quedan baleiros.

8. Empregar trens turísticos da serie 594 como lanzadeira en traxectos curtos e de proximidade moi demandados como é o caso de Pontevedra-Vigo ou de Pontevedra a Vilagarcía.

9. Solucionar os habituais atrasos tanto na saída como na chegada dos trens.

10. Mellorar o funcionamento da páxina web e da aplicación de Renfe.

11. Habilitar un novo sistema de abonos que considere os traxectos con transbordos entre distintas liñas de ferrocarril, como sucede no caso de Pontevedra con Ourense, en base ás poboacións de saída e chegada ou aos quilómetros totais percorridos. Actualmente faise en relación ao uso de dúas liñas distintas de tren.

12. Axustar os horarios dos trens que cobren o traxecto Ourense-Santiago cos Rexionais e Media Distancia que enlazan Pontevedra coa capital galega, para optimizar os servizos das liñas e acurtando tempos de viaxe da actual conexión pola vella vía do Miño.

13. Incrementar o espazo destinado ao transporte de bicicletas nos trens, permitindo a reserva gratuíta do espazo tanto a través da web como da aplicación, algo que actualmente só pódese facer a través do despacho de billetes da estación. Tamén reclaman que se adecúe a reserva ao traxecto real do usuario para permitir que o mesmo enganche poida ser utilizado por varios viaxeiros que percorren tramos distintos.