Reclamación do BNG á Xunta para que presione sobre Abanca e evite o peche de oficinas

Pontevedra
23 de agosto 2021

O deputado nacionalista Luís Bará mantiña un encontro este luns con representantes dos concellos das comarcas de Pontevedra e O Morrazo afectados polo peche de oficinas bancarias en diferentes municipios da contorna anunciado pola entidade bancaria para as vindeiras semanas

O deputado Luís Bará con representantes do BNG en municipios onde se anuncia o peche de oficinas de Abanca Mónica Patxot

Abanca anunciou o peche de oficinas en Poio, Marín, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro ou Moaña nas próximas semanas. Este anuncio provocou a reacción das corporacións e tamén das distintas formacións políticas. É o caso do BNG, que este luns mantiña un encontro entre o deputado nacionalista Luís Bará e representantes dos concellos das comarcas de Pontevedra e O Morrazo que ven afectados por estes peches.

Nesta reunión decidiuse iniciar unha ofensiva tanto a través de mocións e propostas no Parlamento de Galicia e nos plenos municipais como con mobilizacións sociais e sindicais para tentar poñer freo a esta situación. Luís Bará indicou que se trata dunha exclusión abusiva por parte da entidade bancaria e culpou a Alberto Núñez Feijóo e ao Partido Popular de apadriñar este peche. Por este motivo, pedirán que a Xunta presione á dirección de Abanca para evitar esta decisión anunciada.

A intención por parte do BNG é que estas iniciativas con protestas nas zonas afectadas desenvólvanse canto antes xa que o 8 de setembro está previsto que se executen os primeiros peches de oficinas. Bará indicou que existe un proceso continuado, sistemático e planificado de concentración bancaria, de privatización, con despedimentos e precarización laboral que está a provocar unha aceleración dos abusos cara á clientela.

O deputado autonómico afirmou que esta situación afecta a unha parte importante da poboación por razóns económicas, xeográficas e de acceso ás novas tecnoloxías. Neste sentido, sinalou a redución do horario de atención ao público, pactado entre todas as entidades bancarias, que só chega ata as 11.00 horas e que provoca aglomeracións e empeoramento na atención; ademais do aumento das comisións bancarias e a rapidez na instalación da banca electrónica que exclúe a unha importante parte da poboación.

Bará afirmou que este proceso conta coa complicidade da Xunta de Galicia ao convocar unha liña de axudas de 700.000 euros para instalar caixeiros automáticos alí onde se pechan as oficinas.

O deputado nacionalista cualifica como "obscena e escandalosa" a decisión de pechar oficinas por parte de entidades financeiras que obtiveron beneficios millonarios en 2020. En concreto, lembrou que Abanca obtivo 137 millóns de euros de beneficio; Banco Santander, 1.608; e BBVA, 1.2010 millóns de euros, para engadir que a banca non devolveu as axudas públicas do seu rescate, que superou os 60.000 millóns de euros; dos que 9.0000 corresponden ás antigas caixas que conformaron Abanca.

Ao encontro asistiron Marga Caldas, concelleira de Poio; Demetrio Gómez, responsable comarcal do BNG en Pontevedra-Caldas; Anxo Santomé, responsable local de Cerdedo-Cotobade; César Tosar, do BNG de Campo Lameiro; a concelleira en Moaña, Dolores Chapela e a concelleira e responsable local de Marín, Lucía Santos.