O Bloque Nacionalista Galego (BNG) trasladará unha batería de iniciativas ás Cortes Xerais para reclamar ao Goberno do Estado a apertura do litoral de Marín á cidadanía e a posta en valor do patrimonio mariñeiro da vila.
Nunha comparecencia pública celebrada este luns, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acompañado pola portavoz municipal, Lucía Santos, e os concelleiros Celia García, Tino Iglesias e Davinia Lojo, presentou as liñas principais desta proposta que busca "conectar a vila co mar".
"Marín non pode vivir de costas ao mar, conectar a vila co litoral é esencial", destacou Lucía Santos, quen subliñou que a dotación de novos espazos públicos para a veciñanza constitúe "unha prioridade" para a formación nacionalista.
Segundo explicou a portavoz municipal, moitos dos terreos e propiedades que reclaman, como as oficinas e almacéns do antigo peirao da Ribeira, os da Avenida de Ourense ou os do Paseo Marítimo Alcalde Blanco, "están actualmente inutilizados ou abandonados", polo que a súa cesión para uso civil "tería un efecto social e económico moi positivo para a vila".
O deputado Néstor Rego avanzou que rexistrarán iniciativas no Congreso dirixidas aos Ministerios de Defensa e Transportes, titulares dos espazos reclamados. "Ambos ministerios deben ter a disposición para facilitar a cesión destes espazos en beneficio da cidadanía", afirmou o representante nacionalista.

As demandas do BNG céntranse principalmente na cesión de terreos pertencentes á Escola Naval Militar e á Autoridade Portuaria de Marín, co obxectivo de ampliar os espazos públicos dispoñibles para os veciños e veciñas da localidade.
Ademais da apertura de espazos ao público, o BNG propón a posta en valor do patrimonio cultural mariñeiro de Marín. Entre as propostas concretas, Santos destacou tres puntos clave: o cemiterio de barcos, o Paseo Alcalde Blanco e o Museo do Mar.
"A antiga dársena podería ser un museo ao aire libre onde recoller embarcacións antigas e recuperar a identidade mariñeira da localidade", sinalou a portavoz municipal, quen tamén apuntou á posibilidade de realizar "unha obra simbólica que sirva de homenaxe ao esforzo de mulleres e homes das distintas profesións vencelladas ao mar".