O Recinto Feiral estará a punto para a celebración dos Premios Feroz

Pontevedra
20 de decembro 2024

As actuacións que se están a facer mellorarán a funcionalidade, accesibilidade e estética do complexo, que vai cumprir case 30 anos e necesitaba unha reparación de emerxencia

Visita ás obras no Recinto Feiral e no Pazo da Cultura Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, visitaron este venres as obras de posta a punto do Recinto Feiral e do Pazo da Cultura de cara á celebración dos Premios Feroz o vindeiro 25 de xaneiro.

As obras, que arrancaron hai aproximadamente un mes, consisten na reparación, adaptación e mantemento tanto exterior como interior dos espazos e contan cun investimento que supera o medio millón de euros.

Neste sentido, o rexedor explicou que 200.000 euros van destinados ás obras de mantemento de emerxencia do espazo, que vai cumprir case 30 anos e necesitaba unha reparación inmediata.

Especificamente, estas actuacións consistiron no cambio de cristais e do lucernario e o pintado da entrada ao auditorio.

De cara aos Premios Feroz, as obras realizáronse maioritariamente no Recinto Feiral coa instalación dun ascensor panorámico que vai desde a plataforma exterior cara a dentro, facendo accesible o edificio.

Esta entrada é por onde está prevista a entrada dos asistentes á gala.

Visita ás obras no Recinto Feiral e no Pazo da CulturaConcello de Pontevedra

Pola súa banda, a reforma interior consiste na mellora dos baños, onde había "un problema residual complexo que xa está arranxado", e a reforma dos cadros e as liñas eléctricas para que se poidan facer retransmisións televisivas e celebrar outros eventos no futuro.

Por último, están a limpar e cambiando os cristais deterioriados por uns de maior dureza para así evitar actos vandálicos, e limparán e mellorarán o pavimento de todos os accesos ao Recinto Feiral.

Segundo avanzou Lores, a previsión é que todo estea terminado antes da celebración da gala dos premios.

Visita ás obras no Recinto Feiral e no Pazo da CulturaConcello de Pontevedra