Reciclar, reducir, reutilizar e responsabilizar

Pontevedra
17 de abril 2024

O Colexio de Campolongo loce desde este martes un singular xardín vertical elaborado cunhas artísticas botellas de plástico

Xardín vertical feito polo alumnado do Colexio de Campolongo Mónica Patxot

O colexio de Campolongo loce desde este martes un singular xardín vertical elaborado cunhas artísticas botellas de plástico. 

Trátase dunha iniciativa impulsada pola Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) San Xosé deste colexio de educación primaria.

Os alumnos foron os artífices do proxecto no que contaron coa colaboración da Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

O xardín vertical está feito con 327 botellas de plástico que foron recortadas e tamén decoradas para funcionar como macetas que acollen distintas plantas de exterior, pequenas e resistentes.

Deste xeito, os escolares aprenderon a reciclar unhas botellas de plástico, a reutilizalas dándolles un novo uso reducindo así a súa pegada no medio ambiente, e "a terceira R é de responsabilizarse do coidado da planta", explican desde o ANPA xa que "desde hoxe terán que regala e coidala día a día".

Cando termine o curso cada alumno levará a súa a casa.