O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu este venres no Concello a José Manuel Rey García, funcionario autonómico especializado en xestión patrimonial, ex-director do Museo de Pontevedra e encargado de dirixir durante varios anos o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro.
Vecino da Boa Vila, Rey, estivo durante varios anos traballando na súa tese doutoral 'La presentación al público de los grabados rupestres al aire libre en Europa. Modelos teóricos, soluciones prácticas y retos de futuro', pola que recibiu un sobresaliente cum laude e premio extraordinario á tese de maior impacto de investigación, transferencia e divulgación científica EIDUNED.
Tal e como indicou José Manuel, trátase dun "proxecto persoal" no cal intentou "converter a experiencia de 30 anos nunha tese doutoral para reflexionar". No traballo aglutina todo o coñecemento que existe en distintos países de Europa que teñen importantes conxuntos de arte rupestre e así "crear uns protocolos e manuais de boas prácticas para facer as cousas".
Neste sentido, explicou que no continente europeo "nin o coñecemento flúe nin hai intercambio" de información, polo que indagou ao redor de presentación ao público deste patrimonio cultural europeo a partir da análise de 36 enclaves rupestres identificados "que son referencia a nivel mundial e que están na lista de patrimonio cultural".
Sete deles foron os seleccionados para ser estudados ao ser considerados modelos de éxito en Europa: Gobustan National Historical-Artistic Preserve (Acerbaixán), Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (España), Musée départemental deas Merveilles (Francia), Museo Nazionale della Preistoria della Valle Camonica (Italia), Alta Museum (Noruega), Museu do Côa (Portugal) e Vitlycke Museum (Suecia). Trátase de modélicos equipamentos que, ademais de propoñer un modelo de xestión eficiente, sostible e responsable dos petróglifos e as súas paisaxes rupestres, ofrecen unha suxestiva e motivadora presentación ao público dos seus compoñentes principais, capaz de atraer cada ano a decenas de miles de visitantes ata as súas instalacións.