O actual reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, reelixido nas eleccións do pasado 4 de maio, tomou posesión este luns por outros catro anos nun acto que estivo presidido polo titular da Xunta, Alfonso Rueda.
O reitor debullou as propostas para o período 2022-2026, no que o equipo de goberno centrarase en traballar por "unha universidade comprometida coa igualdade, coa lingua e a cultura galega e internacional".
Entre os obxectivos xerais para os vindeiros catro anos, segundo sinalou o reelixido reitor, está facer fronte ao recambio xeracional no cadro de persoal docente e investigador e ao reto demográfico que fará, "cada vez máis necesario", incorporar alumnado doutras latitudes, mellora e reequilibrio do persoal, mellora da experiencia universitaria, reformulación da xestión e unha universidade atractiva para o estudantado.
Reigosa tamén se detivo en noitro dos retos: mellorar a capacidade investigadora e innovadora da Universidade, como o incremento progresivo da partida destinada a produción científica e de transferencia; o reforzo dos centros e estruturas de investigación e transferencia; o impulso á renovación das infraestruturas científico-técnicas e a internacionalización a través da captación, mentres que no ámbito da transferencia, aposta por incrementar os contactos con empresas, fomentar a súa participación en proxectos e internacionalizar os proxectos, ademais de apoiar a ciencia aberta.
A captación de fondos a través de proxectos internacionais, de actividades de I+D, de proxectos competitivos colaborativos empresa-universidade e de infraestruturas cifrouse en 24,2 millóns de euros a cantidade captada en 2021; 22.9 en 2020; 18,3 en 2019 e 18,5 en 2018.
Xunto ao reitor xuraron o cargo os doce integrantes do novo equipo do goberno, entre eles a nova vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón.
A lembranza do profesor e ex vicerreitor Manuel Ramos, falecido na véspera das eleccións estivo moi presente neste acto.
Na cerimonia, que tivo lugar no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, o presidente da Xunta destacou o papel preponderante das universidades na sociedade.