Rebelión no CIFP A Xunqueira pola eliminación da formación presencial en tres ciclos: "Non pasa en ningún ciclo masculinizado"

Pontevedra
14 de xuño 2023

Os tres ciclos afectados son o Básico de Actividades Domésticas e Limpeza de Edificios e os superiores de Integración social e de Promoción da igualdade de xénero. Este venres está convocada unha concentración ás portas do centro ás 11.30 horas que abrirá un calendario de mobilizacións para protestar pola decisión

Alumnado e profesorado afectado polo peche da presencialidade dos ciclos Mónica Patxot

O vindeiro venres 16 de xuño, ás 11.30 horas, a comunidade educativa do CIFP A Xunqueira convocou unha concentración ás portas do centro para manifestar o seu malestar coa nova situación coa que se atopan desde que a Consellería de Educación lles trasladou o peche da actividade presencial en tres ciclos. 

Os tres ciclos afectados son o Básico de Actividades Domésticas e Limpeza de Edificios e os superiores de Integración social e de Promoción da igualdade de xénero.

Nada máis coñecer a noticia, o alumnado e o profesorado de todos eles manifestaron o seu malestar. Na tarde deste martes, un grupo das persoas afectadas explicaron a PontevedraViva que a decisión é "estúpida" e bota por terra ciclos que "poderían ser de grande utilidade para a sociedade".  

O departamento da especialidade de servizos á comunidade do CIFP A Xunqueira, do que forman parte os tres ciclos, denuncia que a decisión da Consellería supón o peche de seis aulas, dúas por ciclo, e implica que 75 alumnas e alumnos quedarán sen poder continuar cos seus estudos de maneira presencial, pois empezaron primeiro e agora en segundo están obrigados á formación en liña.

As persoas afectadas por este peche denuncian tamén a "tendencia de priorizar a oferta de formación a distancia" que "deixa ao alumnado máis vulnerable nunha situación de desprotección". 

Así, o ciclo básico afectado adoita afectar a alumnado a partir de 15 anos "en situación de risco" que xa veñen de "experiencias de desamparo con respecto ao sistema educativo e de abandono escolar" e os tres son especialidades que están moi feminizadas.

"A maioría somos mulleres", sinalan desde o alumnado, que engade que "as mulleres moitas veces estamos discriminadas pola falta de formación" e que esta decisión, curiosamente, "non pasa en ningún ciclo masculinizado". Lamentan que "ao final, estaslle a dar máis espazo a ciclos masculizados"

A oferta formativa publicada ese martes pola Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades implica, segundo o departamento de servizos á comunidade, un "grave prexuízo" para a mocidade da zona, que "queda sen opcións reais para cursar estes ciclos no ensino público de forma presencial". 

"Case máis que polo alumnado de agora, preocúpanos todo o alumnado potencial", sinala o profesorado, que alegou a decisión da consellería "para intentar que recapacite".

Este alumnado que queira cursar estas especialidades verase na obriga de estudar en centros privados ou na modalidade á distancia, "avocándoos ao illamento social". 

O profesorado sinala que estes ciclos do eido social necesitan ser presenciais e o alumnado pregúntase "como pos formación do ámbito social de forma telemática? quitas a parte de humanidade que hai detrás, o que aprendín foi, sobre todo, froito do contacto na clase".

O departamento alerta da "gravidade" destes feitos, que "atentan contra os dereitos fundamentais do alumnado" e asegura que se trata de decisións tomadas de maneira unilateral nas que "en ningún momento se tiveron en conta as demandas e necesidades reais das familias e resto de comunidade educativa", pois son ciclos con listaxes de agarda e altas taxas de empregabilidade.

A concentración prevista para o venres será a primeira dunha folla de mobilizacións que se irá coñecendo máis adiante, coas que o profesorado busca que a Xunta "reconsidere" a súa decisión e teña en conta o "impacto" das novas medidas.

Tanto o profesorado como o alumnado interpreta tamén que con este tipo de medidas se está a "priorizar a privada".