Rebeca Quintáns: "Franco deixou ao rei Juan Carlos como garantía de que non se ían xulgar os crimes do franquismo"

Pontevedra
27 de novembro 2021

A autora de Juan Carlos I. La biografía sin silencios (2016) revela nas III Xornadas Contra a Impunidade, que organiza o departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, todos os mecanismos que o ditador artellou para que o novo Xefe do Estado mantivese as estruturas de poder político e empresarial xurdidas á sombra do franquismo

Rebeca Quintáns, autora de 'Juan Carlos I. La biografía sin silencios' Mónica Patxot

Un rey golpe a golpe foi un libro clandestino, publicado baixo pseudónimo nunha editorial independente no ano 2000. Por que a súa autora exerceu a autocensura nun tempo no que había 25 anos que morrera o ditador e non desvelou a súa identidade? A razón é que trataba un tema tabú: os episodios máis escuros e os negocios máis turbios do rei Juan Carlos, e moi especialmente os seus abusos de poder, grazas á autoridade que lle outorgou o ditador Francisco Franco ao traspasarlle a Xefatura do Estado.

Hai cinco anos que a autora reeditou o seu libro baixo o título de Juan Carlos I. La biografía sin silencios (2016), nun escenario no que Juan Carlos xa pasara a ser Rei Emérito e todos os seus escándalos contábanse en aberto. E deste xeito tamén soubemos que Patricia Sverlo era en realidade a xornalista e escritora Rebeca Quintáns.

PontevedraViva fala coa autora nada en Arzúa sobre o relatorio que vai expoñer nas III Xornadas Contra a Impunidade, que organiza o departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, titulado "Todo atado e ben atado: do franquismo á monarquía".

- Rebeca Quintáns, que deixou Franco atado e ben atado?

Pois deixou as estruturas de poder, a impunidade para todos os que continuaban do franquismo, incluído por suposto o Rei como garantía de que ía a haber certa continuidade e de que non se ían a xulgar, por exemplo, os crimes do franquismo.

- A memoria histórica recupera do esquecemento feitos e persoas vítimas da represión nos anos do terror da ditadura de Franco. Por que é importante mirar máis aló, a partir da Transición ata os nosos días?

É moi importante porque hai moitas cousas que permaneceron e que temos que cambiar canto antes. Non só co tema da monarquía, que aí están os escándalos, senón a impunidade dos crimes do franquismo, non só da Guerra Civil e os cadáveres nas cunetas. Todo iso veuse arrastrando porque houbo cousas que non se fixeron ben na Transición, e por iso hay que repasala se se quere facer un cambio democrático de verdade e non como foi a transición, moi cosmética e con pouco fondo.

- Neste propósito de denuncia publica no ano 2000 o libro Un rey golpe a golpe e considera que é mellor agocharse tras dun pseudónimo. Isto non é precisamente boa saúde democrática no século XXI.

Non, efectivamente. Os temas da monarquía son dos que menos liberdade de expresión hai, sempre estivo moi perseguido. Agora ao mellor non nos damos conta porque xa levamos uns anos de escándalos de Juan Carlos e parece que hai liberdade para contar todo iso. Pero, bueno, custou moito chegar ata aí, sacando cousas con pseudónimo para que puidesen ser publicadas, e pouco a pouco a imaxe de Juan Carlos deteriorouse tanto que agora xa non teñen tanto coidado en mirar o que se publica sobre el. Pero por exemplo sobre Felipe segue sendo moi difícil escribir nada que sexa crítico. Ou sexa, que as cousas tampouco cambiaron tanto nese sentido. Con Juan Carlos si, pero coa monarquía en xeral non.

- A figura do rei Juan Carlos pasou por un período de branqueamento para ocultar os negocios sucios que herdara do sistema clientelar do franquismo?

Nos primeiros anos da Transición estivo super protexido e vendéronnos unha imaxe moi falsa de Juan Carlos: que estaba liderando un proceso democratizador, que estaba poñendo freos aos impulsos golpistas dos militares... E resultou ser todo mentira, fómolo descubrindo co tempo.

- Había unha frase moi manida que dicía: "eu non son monárquico, son juancarlista". Que repercusión teñen este tipo de lemas repetidos na sociedade?

Pois agora poderiamos dicir que é ao revés porque están saíndo moitos monárquicos de novo cuño pero xa non son juancarlistas porque o juancarlismo xa é absolutamente indefendible. Pero daquela si se dicía iso porque os partidos maioritarios aceptaron a monarquía partindo de plantexamentos republicanos e tiñan que explicalo dalgunha maneira e sacaron ese lema. Pero agora, xa digo, estou vendo un retroceso: "non son juancarlista pero a monarquía pode ser útil".

- Cando se pasou na Xefatura do Estado de Franco a Juan Carlos I sorprende descubrir no seu libro que se mantivo un sistema de poder continuista cos vínculos forxados na ditadura coa patronal, a banca, a igrexa, o exército ou a prensa.

E colocouse á monarquía na cúspide de todos os poderes. Da Xudicatura, porque é o Rei o que inaugura o ano xudicial, é o Xefe dos Exércitos, tamén inaugua as lexislaturas parlamentarias, chama a consulta aos partidos para ver como se forma Goberno...

- Na xornada de onte, Antonio Maestre falaba de empresas que fixeron fortuna durante a ditadura e como a súa influencia chega ata os nosos días. ¿Mantense este sistema herdado do franquismo con Felipe VI?

Houbo un relevo xeracional no trono e Felipe VI mantivo as boas relacións de seu pai coa élite poderosa da banca e dos empesarios, pero neste caso coas novas xeracións. Todo queda en familia, os apelidos seguen sendo os mesmos. Sucedeu Felipe VI, pero tamén no Banco Santander está a nova xeración con Patricia Botín, ou o caso de Borja Prado, fillo de Manuel Prado, un dos máis importantes do IBEX35. E con toda esta élite poderosa de banqueiros e empresarios, a monarquía dunha maneira máis informal que como por exemplo Xefe dos Exércitos tamén ten aí unha autoridade e selecciona aos empresarios que viaxan con el a outros países para mediar en operacións comerciais.

- Por onde pasaría a solución para reverter a situación actual en que vemos que institucións procedentes do Réxime de Franco seguen consolidadas, como a monarquía?

Claro que hai solucións. Sempre hai que ir cambiando o que non se cambiou no seu día, e facendo o que non se fixo e era imprescindible. Por exemplo, un referéndum Monarquía-República, porque nos veñen furtando esa posibilidade desde que morreu Franco. E nos veñen quitando esa posibilidade porque, como contou Adolfo Suárez nun momento dunha entrevista a Victoria Prego off the record, tapando o micrófono, sabían que ían perder o referéndum. Eu estou convencida de que non o fan porque saben que o perden, e por iso temos que pedilo: facer un referéndum e facer as reformas democráticas que hai que facer.

- ¿Que lle parece que a Deputación de Pontevedra impulse estas Xornadas Contra a Impunidade e que a Memoria Histórica teña un departamento propio? ¿Hoxe segue sendo necesario?

Si, a min paréceme fundamental. Hai que seguir facendo estas cousas e levalo máis adiante. Dende logo o primeiro paso é recuperar a memoria e despois tamén actuar en consecuencia. Corrixir os erros que se cometeron, que non foron erros senón máis ben decisións coas que non deberiamos continuar porque non serviron para democratizar nada. E desde logo este tipo de xornadas son fundamentais, a min parécenme moi importantes.

- Por último, vai estar no Pazo Provincial da Deputación e non sei se sabe que este 2021 se retirou un busto adicado ao rei Juan Carlos.

Non o sabía pero paréceme moi ben. Polo menos niso tense que notar que o desprestixio de Juan Carlos non vai caer en saco roto, nin deixalo pasar nin que continúe nos libros de historia como o campechano piloto do cambio. Hai que quitar os bustos do rei Juan Carlos, hai que quitar os nomes dos parques e das rúas que lle teñen dedicado inmeditamente. Sería unha vergonza telo aí.