O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de rebaixar de 12 a 7 anos de cárcere a pena imposta pola Audiencia Provincial de Pontevedra a un veciño da Estrada por un delito de violación "con actos particularmente degradantes ou vexatorios" para a súa parella.
A Sala do Civil e Penal do TSXG rebaixa a condena en aplicación da LO 10/22, de garantía integral da liberdade sexual, a coñecida como lei do 'só si é si'. Neste caso, dáse a circunstancia de que, entre a lexislación aplicada pola Audiencia, que é a vixente no momento de ocorrer os feitos, e a vixente no momento de ditar a sentenza, a do 'só si é si', procede aplicar esta última porque é máis favorable ao reo.
De acordo con a nova lei, a pena para impoñer polo delito que foi condenado o procesado oscila entre 7 e 15 anos de prisión, sendo 7 anos o mínimo, que se corresponde coa mínima (12 anos) tamén aplicada polo tribunal de instancia.
A sentenza declárao culpable dun delito de violación coa agravante de parentesco e a atenuante de alteración psíquica por consumo de droga e alcol.
A muller, que no momento dos feitos tiña 23 anos, faleceu antes de que o caso chegase a xuízo, pero o seu testemuño no xulgado puido escoitarse no xuízo e acabou derivando na condena do seu agresor.
Aínda que o acusado alegou apelando á falta de credibilidade da vítima, o tribunal rexeita este motivo e conclúe que "nada hai nas actuacións" que leve a concluír a falta de credibilidade da vítima, "nin quebras da verosimilitude, nin defectos da persistencia".
Segundo sinalan os xuíces na sentenza, no informe descríbense "as múltiples lesións sufridas pola vítima", á vez que recalcan que é evidente "que a agresión se produciu cunha importante brutalidade".
"No noso modo de ver a cuestión, o que acontece non só é unha agresión sexual, senón, añadidamente, unha completa degradación e vexación da persoa, unha absoluta humillación a través de insultos e de actos, que encaixa completamente no tipo aplicado pola sentenza apelada", inciden os maxistrados na resolución, contra a que cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra primeiro e o TSXG agora consideran acreditado que o procesado "se enfureceu" tras a negativa da vítima para manter relacións sexuais, ante o que reaccionou agredíndoa e violándoa.