Realizan tarefas de limpeza en diversos espazos naturais da contorna de Poio

Poio
04 de abril 2023

A concellería de Servizos Municipais comezou hai semanas a realizar servizos de limpeza nas praias do municipio, xunto a unha posta a punto da Illa de Tambo

Posta a punto das praias do municipio de Poio Concello de Poio

A concellería de Servizos Municipais comezou hai semanas a realizar servizos de limpeza nas praias do municipio, xunto a unha posta a punto da Illa de Tambo. O motivo principal destes traballos de limpeza é preparar estas contornas naturais para os próximos festivos de Semana Santa, que previsiblemente estarán acompañados dunha boa climatoloxía. 

O concelleiro Julio Casás explicou que outros espazos, á marxe dos areais, tamén foron acondicionados para estas datas, como o paseo peonil existente nas inmediacións da praia de Padrón, situada nas proximidades do centro histórico de Combarro.

Doutra banda, a concelleira de Turismo, Silvia Díaz, explicou que desde a pasada fin de semana se recuperaron as visitas guiadas á Illa de Tambo de forma regular, polo que este enclave da Ría de Pontevedra tamén foi un dos espazos para ter en conta para o seu acondicionamento e limpeza.

Estes traballos serviron para ampliar a superficie desbrozada na senda perimetral da illa, a través da cal se desenvolven as visitas guiadas. Algúns dos puntos máis destacados de Tambo nestas visitas son o faro, o lazareto ou os restos da Capela de San Miguel.

Ademais, a esta limpeza hai que engadir a retirada de varias árbores, que debido ás inclemencias meteorolóxicas do inverno, están en risco de caer

SERVICIO DE VIXILANCIA

O edil de Promoción Económica e Turismo, Gregorio Agís, engadiu que xa está operativo o servizo de vixilancia na Illa de Tambo. A empresa Segursystem Europa SLU será a encargada de levar a cabo estas tarefas baixo un contrato anual, con opción a tres prórrogas máis. 

A adxudicación realizouse cun investimento de 23.690,93 euros, correspondente á primeira anualidade, despois de que a tramitación fora aceptada pola Xunta de Galicia e o Goberno Local. O acordo inclúe a contratación de persoal de seguridade, cun horario de dez horas de prestación entre o 1 de xullo e o 15 de setembro, ademáis da Semana Santa.