Este luns 9 volven activarse as obras do boulevard de Portonovo, despois do parón motivado polas festas do Nadal.
A empresa adxudicataria comezará coa parte central da primeira fase do proxecto, que supón máis da metade da actuación, segundo o Concello de Sanxenxo. Esta fase sitúase entre o inicio da estrada da Lanzada, na rotonda do Supercor, ata o cruzamento coa Travesía Areal.
A previsión é que en xuño se finalice este tramo da obra. Despois do verán retomaranse os traballos para evitar que a actuación inflúa na actividade turística e comercial durante os meses de máis afluencia de visitantes.
Establécese, a partir deste luns, un carril central de sentido único para acceder a garaxes e servizos no tramo en que se executan os traballos. Os viandantes dispoñerán dun paso delimitado e o tráfico rodado normal será desviado pola Avenida Rafael Picou, Rúa Espiñeiro e Travesía Areal para volver confluír na estrada da Lanzada.
As obras contemplan a renovación dos servizos coa instalación de canalizacións subterráneas para o cableado de telefonía e para a electricidade eliminando os actuais tendidos aéreos. Tamén se renovarán as redes de abastecemento, saneamento, pluviais e iluminación pública.
Oresa Construción e Servizos Globais é a adxudicataria da obra por un montante de 2.319.460 euros. A proposta busca que os peóns gañen espazo fronte aos vehículos ao longo dun tramo de 810 metros no centro comercial de Portonovo, segundo indica o goberno local.