O parque infantil da Illa das Esculturas xa está preparado para recibir de novo a rapazada. Xa concluíron os traballos de restauración integral deste espazo, que supuxo a renovación de todos os elementos de xogo deste equipamento.
A actuación, na que se investiron 17.000 euros, serviu para que o parque "quede coma novo", segundo destacou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes.
Os traballos executados pola firma Garocaprim SL incluíron a mellora das condicións de amortecemento do pavimento, incrementando a súa densidade mediante a achega de máis dunha tonelada e media de árido para que o chan teña capacidade para absorber impactos.
Os operarios tamén retiraron todas as madeiras e parafusos danados ou en mal estado e substituíronos por pezas novas, renovaron os elementos de corda dos xogos e fixeron un tratamento e lixado da madeira, eliminando estelas e irregularidades que resultasen perigosas.
Ademais, lixaron e pintaron elementos decorativos como tellados, mesas e tótems.
Entre as estruturas de xogo que os máis pequenos poden atopar no parque da Illa das Esculturas están un bambán alfombra voadora, unha randeeira cesto, un resorte mariquiña pequena, un balancín dobre con forma de abella ou un resorte coa imaxe dun pato.
Un conxunto para pícnic en familia, un resorte triplo en forma de crocodilo, unha combinación kletterwald, un bambán dobre, un resorte decorado como un peixe dourado, un balancín con postura en pé e unha combinación de poboado indio completan o parque.