Ravachol vén de varanda… da ponte do Burgo

Pontevedra
24 de febreiro 2020

Desvelouse o misterio. Ravachol, na súa edición de 2020, recupera a súa crítica máis aceda e mordaz á actualidade municipal. Tras varios anos cun cariz máis reivindicativo, o irreverente loro volveu a dirixir os seus dardos contra asuntos polémicos na cidade

Ravachol desvela o seu disfraz para o Entroido 2020 Roberto Alonso Pereira

Desvelouse o misterio. Ravachol, na súa edición de 2020, recupera a súa crítica máis aceda e mordaz á actualidade municipal. Tras varios anos cun cariz máis reivindicativo, o irreverente loro volveu a dirixir os seus dardos contra asuntos polémicos na cidade.

E, neste sentido, poucos temas deron tanto de que falar nos últimos meses como o novo aspecto da ponte do Burgo, obxecto actualmente dunha profunda remodelación. Así, Ravachol faise eco das críticas e elixiu converterse na varanda da ponte.

Ataviado cun chaleco amarelo de obreiro, o coñecido loro de Perfecto Feijóo chega neste entroido rodeado de varandas por ambos os lados e que, do mesmo xeito que a ponte real, ilumínanse de cor azul -unha das cores que se probaron para dar luz ao vello monumento-.

Ademais, da súa cabeza a modo de recordo sae unha foto da anterior imaxe da ponte antes da súa rehabilitación.

"Ravachol vén de varanda", destacaron os integrantes da Asociación Recriativa de Xeve que, un ano máis, foron os encargados de vestir a Ravachol, que descubriu esta tarde o seu disfrace xunto á recreación da botica na que se fixo famoso, situada na Peregrina.

No medio dunha gran expectación, a portavoz da Recriativa de Xeve, María Simal , explicou que Ravachol "se en algo é especialista é en apreciar a varanda", ironizando coas estruturas sobre as que se adoitan pousar as aves.

O loro está afeito, segundo os responsables de vestilo, en aproveitar a varanda de onte, "que non deixa máis que resaca e maniotas", a varanda de hoxe "que nos enche a noite de ruído e de balbordo" e a varanda de mañá, "á que esperamos chegar co mesmo humor e ganas de algarabía que temos agora".

"Cada tempo ha traer os seus pareceres, pero a varanda que nunca nos falte", pediron desde a Recriativa de Xeve antes de anunciar de viva voz que Ravachol "xa está aquí".

Ravachol, ata o seu enterro o vindeiro sábado, terá tempo para presidir o concurso de murgas que se celebra desde este luns no Pazo da Cultura, ou para recibir aos visitantes no edificio municipal da rúa Michelena durante os próximos días.