A posta en marcha de tres novas facultades na Universidade de Vigo deu un novo paso adiante despois de que o Consello da Xunta dese o seu visto e prace á creación das facultades de Deseño e Dirección e Xestión Pública, no campus de Pontevedra, e de Relacións Internacionais, no de Ourense.
Tras a súa aprobación por parte do goberno galego, o proceso para a creación dos tres novos centros deberá completarse coa súa inscrición no Registro Universitario de Centros y Titulaciones e a súa publicación no DOG, á vez que deberá ser comunicada á Conferencia General de Política Universitaria.
No caso da Facultade de Relacións Internacionais, que terá como sede o Edificio Xurídico-Empresarial do campus de Ourense, a súa creación vén ligada á posta en marcha, no mes de setembro, do novo grao interuniversitario en Relacións Internacionais.
A Facultade de Deseño, pola súa banda, englobará o futuro Grao en Deseño, que comezaría a impartirse no curso 2023-2024, xunto co Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, que se imparte actualmente na Facultade de Belas Artes e que se adscribirá á nova facultade tamén no curso 2023-2024.
O espazo destinado á universidade no antigo edificio administrativo da Xunta de Galicia de Benito Corbal será a sede inicial deste novo centro, mentres que a Facultade de Dirección e Xestión Pública desenvolverá á súa actividade no edificio que ata agora era a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. De feito, o novo centro englobará dúas titulacións xa en marcha e ata agora adscritas á facultade coa que compartirán sede, o Grao en Dirección e Xestión Pública e o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional.
Non obstante, a Universidade atópase traballando co Concello de Pontevedra nun convenio que faría posible a cesión dunha parcela nos terreos que ocupaba antigamente Tafisa, nos que a institución académica proxecta a construción dun novo edificio que exerza como sede dos dous novos centros do campus pontevedrés.
O proceso para impulsar estas tres novas facultades arrancou en outubro de 2020, cando o Claustro da Universidade de Vigo aprobou instar ao Consello de Goberno a iniciar os expedientes de creación dos novos centros. En marzo de 2021, o órgano de goberno encargou ás correspondentes comisións a elaboración das memorias de creación das facultades, que foron informadas polo Claustro e aprobadas polo Consello de Goberno, á vez que tamén recibiron o visto e prace do Consello Social, antes da súa remisión ao Consello Galego da Universidades, que no mes de febreiro informaba favorablemente as tres propostas.
“A todos os efectos, a partir de aquí podemos pasar dunha situación de interinidade a comezar a actuar xa como unha facultade máis”, salienta desta aprobación Enrique Varela, decano comisario da Facultade de Dirección e Xestión Pública, un centro ao que se adscriben "dous títulos xa vivos" e que suman na actualidade preto de 225 alumnos e alumnas.
O novo centro engloba o Grao en Dirección e Xestión Pública, que no curso 2020-2021 converteuse no primeiro do sistema universitario galego en contar cunha modalidade virtual, que convive coa presencial, xunto co mestrado online en Dirección e Xestión Pública e Liderado Institucional.
“Somos a única facultade que hai en España deste tipo”, sostén Varela, que destaca a importancia que ten a creación do centro de cara a “continuar co traballo de posicionamento como facultade tanto en Galicia, como en España e América Latina”, un labor que, lembra, xa viñan desenvolvendo desde o inicio do proceso e que agora poderán levar a cabo “con plenas capacidades de xestión e cunha axenda propia”.
No caso da Facultade de Deseño, a creación do centro non virá acompañada o vindeiro curso da posta en marcha da nova titulación de grao prevista. Como explicaba hai unhas semanas o vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións, Alfonso Lago, aínda que “se fixo todo o posible para que se puideran impartir” o vindeiro curso, a posta en marcha do Grao en Deseño, que ten xa o informe positivo da Xunta de Galicia, está finalmente prevista para o curso 2023-2024.
Será entón tamén, como explica o decano comisario da nova facultade, Marcos Dopico, cando pase a adscribirse á nova facultade o Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda (Esdemga), que o vindeiro curso continuará adscrito a Belas Artes. “A creación da facultade é un paso máis, obviamente positivo, que supón un referendo e tras o que quedaría a posta en marcha da titulación”, salienta Dopico, que explica que o Grao en Deseño atópase pendente “da verificación por parte da ANECA, que sería o paso final”.
Na súa posta en marcha, a nova facultade terá como sede o edificio de Benito Corbal e a docencia das súas titulacións desenvolveríase tanto nestas instalacións como nalgúns “espazos compartidos con Belas Artes”, como os talleres téxtiles.