O pleno da corporación do Concello de Marín celebrado este xoves aprobou definitivamente a proposta de nomeamento da princesa de Asturias, Leonor de Borbón e Ortiz, como filla adoptiva.
Tal e como explicou a alcaldesa da vila, María Ramallo, Marín ten un "forte vínculo establecido coa Casa Real" por ser sede da Escola Naval Militar, onde a princesa, así como fixo no seu día seu pai, o rei Felipe VI, está a realizar unha parte da súa formación castrense.
Ramallo entende que "ese vínculo marca toda a súa traxectoria, así como o que lle une a outras cidades nas que se formou e formará".
A alcaldesa asegurou que "para nós como Concello é un orgullo, como xa foi no seu día co actual rei, poder outorgar esta distinción".
O expediente estivo publicado durante quince días no Taboleiro de Anuncios na Casa Consistorial e na Sede Electrónica, sen recibir ningunha alegación.
Polo momento, aínda non hai data establecida para a celebración do pleno extraordinario no que se votará e, finalmente, outorgará, esta distinción.
Leonor de Borbón pronto deixará de residir en Marín para continuar a súa formación na Armada ao bordo do buque Juan Sebastián Elcano.