Raquel Morales, directora do CIM en Poio, explica a súa experiencia contra a desigualdade en Mozambique

Poio
02 de decembro 2022

O Casal de Ferreirós acollía este venres a xornada para avaliar o Programa Especialistas en Cooperar, que desenvolve o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coa participación da representante de Poio que participou neste programa

Silvia Díaz e Raquel Morales con outros participantes da Xornada do Fondo Galego de Cooperación Concello de Poio - Arquivo

O Casal de Ferreirós acollía este venres a xornada para avaliar o Programa Especialistas en Cooperar, que desenvolve o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Por parte do Concello de Poio participaba a directora do Centro de Información á Mulller (CIM) de Poio, Raquel Morales, que se desprazou en outubro a Mozambique para colaborar nun programa coeducativo para prevención da violencia de xénero.

Os catro representantes municipais de Galicia que participaron nesta proposta procedentes de Poio, Boiro, Rianxo e Lousame, explicaron durante esta sesión as súas experiencias no país do sur de África.

A participación de Raquel Morales centrouse no traballo elaborado coa especialista da área de Igualdade da Fundaçao Encontro na diagnose de xénero nos centros infantís situados en cinco comunidades rurais de Boane.

A directora do CIM avalía de maneira moi positiva a experiencia desde o punto de vista persoal e profesional ao organizar e executar actividades coeducativas no ámbito da prevención de condutas agresivas contra as mulleres. A esta sesión de traballo no Casal de Ferreirós acudiu a concelleira de Igualdade, Silvia Díaz, que destacou a importancia destes proxectos para sensibilizar na eliminación de desigualdades.