Raquel Mera, Paula Dapena, o persoal sanitario e O Mirador optan aos Premios Cidade de Pontevedra

Pontevedra
06 de xaneiro 2021

Na modalidade de persoa física foron presentadas dúas candidaturas: a futbolista Paula Dapena Sánchez e a mestra Raquel Mera Dios. Na modalidade de persoa xurídica tamén se formalizaron dúas candidaturas: o persoal sanitario e sociosanitario de Pontevedra e a Asociación de Veciños Mirador de Monte Porreiro

Premios Cidade de Pontevedra PontevedraViva

O Concello de Pontevedra vén de pechar o rexistro para presentar candidaturas aos premios Cidade de Pontevedra 2020, co obxecto de recoñecer o labor desenvolvido tanto por persoas físicas como xurídicas no último ano e a proxección de Pontevedra e da súa cidadanía derivada delo.

Nesta edición foron catro as propostas formalizadas, dúas na modalidade de persoa física e dúas na de persoa xurídica.

As persoas físicas propostas son: Paula Dapena e Raquel Mera.

Paula Dapena Sánchez, futbolista e xogadora no Viaxes InterRías FF. Esta candidatura foi presentada pola FANPA de Pontevedra e pola CIG - Secretaría da Muller

Raquel Mera Dios, mestra e responsable de educación da Escola de Educación Infantil de Verducido. Esta candidatura foi presentada pola Asociación de nais e pais de alumnas e alumnos San Martiño da EEI de Verducido

Na modalidade de persoa xurídica tamén se formalizaron dúas candidaturas: o persoal sanitario e sociosanitario de Pontevedra e a Asociación de Veciños Mirador de Monte Porreiro 

A candidatura do persoal sanitario e sociosanitario foi presentada pola Federación de Asociacións de Veciños Castelao e o Rotary Club. E a Asociación de Veciños O Mirador de Monte Porreiro foi presentada pola Organización de Xordos de Galicia - XOGA

A reunión do xurado está prevista para o vindeiro martes, 12 de xaneiro, e os galardóns entréganse nun pleno extraordinario de honra que terá lugar o 20 de xaneiro, festividade de San Sebastián.