Ramallo trasládalle a Abanca a oposición do Concello ao peche da oficina de Seixo

Marín
23 de xuño 2021

A alcaldesa enviou un escrito á dirección da entidade bancaria para mostrar a postura do Concello de Marín ante o comunicado realizado pola propia empresa e pídelles que "reconsideren a decisión", xa que se trata dun servizo moi utilizado cuxa desparición suporá "unha perda significativa para o comercio, a hostalaría, o Mercado e, en xeral, para as persoas usuarias"

María Ramallo, alcaldesa de Marín Concello de Marín

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, remitiu á presidencia da Abanca un escrito desde Alcaldía ante o comunicación realizada pola entidade bancaria do inminente peche da sucursal situada na parroquia de Seixo.

"Neste momento é a única entidade bancaria nese territorio e en consecuencia supón unha merma nos servizos para a veciñanza desa parroquia e da contorna, que habitualmente utilizan a entidade de Abanca como referencia, xa que dá soporte as súas necesidades financeiras", explica a rexedora na súa carta.

Por tanto, a alcaldesa trasladou a "oposición do Concello ante a decisión do peche da sucursal", xa que suporá "unha perda significativa para o sector do comercio, da hostalaría, para o Mercado de Abastos e para as persoas usuarias".

Precisamente, a rexedora destaca o gran valor que o sector de mais idade da sociedade lle da á oficina, "xa que permite ese trato mais persoal cos traballadores", e son clientes que "se mantiveron fieis á súa entidade" durante momentos moi complexos e duros.

A rexedora pídelle á dirección de Abanca que "reconsidere a cuestión e non retiren os servizos desta entidade nun núcleo de poboación moi importante, da nosa parroquia urbana e turística por excelencia e permitan continuar como ata o de agora, tendo en conta o dinamismo que ten Seixo e as necesidades que evidentemente cobren".