Ramallo insta aos marinenses que non se reúnan en casas: "É o principal problema que temos detectado"

Marín
13 de xaneiro 2021

O municipio morracense suma 63 casos activos, tres máis que no día anterior, e o ritmo de contaxios continúa á alza polo que desde o Concello insisten en limitar ao máximo as interaccións sociais

María Ramallo, alcaldesa de Marín Concello de Marín

Marín deixa de pertencer ao perímetro conxunto que formaba con Pontevedra e Poio. É a principal consecuencia das novas medidas anunciadas este mércores polo presidente Alberto Núñez Feijoo e que entrarán en vigor na medianoite do xoves ao venres. 

"Insistimos en que as reunións sexan dun máximo de catro persoas, tanto en espazos abertos como pechados. E que non se reúnan en domicilios, que é o problema que temos e detectamos durante o Nadal", pediu a alcaldesa María Ramallo aos seus veciños despois dun novo día de contaxios á alza que sitúa en 63 o número de casos activos no municipio  morracense.

Ademais de non poder desprazarse a Pontevedra, os marinenses só poderán acudir a aqueles municipios que teñan o mesmo nivel de alerta que Marín. Con todo, a rexedora pide aos seus veciños "que queden en casa e saian só para facer actividades esenciais. Estamos nun punto que é bo previr para que entre todos podamos baixar este incremento, que é lento e máis pequeno que noutros sitios", tranquilizou a popular.

O toque de queda, como no resto de Galicia, pasa a ser ás 22 horas e a hostalería poderá seguir abrindo ata as 18 horas cun aforo máximo do 30 % no interior e do 50 % nas terrazas.