Rajoy entrega a Magín Froiz a Medalla ao Mérito no Traballo

Pontevedra
27 de xullo 2017

O empresario pontevedrés Magín Froiz recibiu este xoves a Medalla ao Mérito no Traballo. Entregoulla o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, nun acto oficial celebrado na Moncloa. Os premiados hoxe, indicou Rajoy, compoñen "un buen retrato del país que queremos, un país con valores y que valora el trabajo, el afán de superación y el esfuerzo compartido"

Rajoy entrega a Magín Froiz a Medalla ao Mérito no Traballo La Moncloa / PontevedraViva

O empresario pontevedrés Magín Froiz recibiu este xoves a Medalla ao Mérito no Traballo. Entregoulla o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, nun acto oficial celebrado na Moncloa.

Tras entregar estas distincións, que este ano recoñecen a doce persoas e a unha confederación, Rajoy dixo que se trata dun dos actos "más gratificantes" nos que pode participar un presidente do Goberno.

O xefe do Executivo glosou os méritos de cada un dos galardoados, pertencentes ao mundo do deporte -Paul Gasol e Teresa Perales-, a cultura -Pedro Iturralde e Aída Gómez-, os medios de comunicación -Paloma Gómez Borrero, María Teresa Campos e Tico Medina-, ou a gastronomía -Cándido-.

Tamén foron recoñecidos personalidades da empresa e as finanzas -a CEOE, Magín Alfredo Froiz e Amado Franco Lahoz-, os sindicatos e as relacións laborais -Joaquín Navarro Fernández e Miguel Cuenca Valdivia-, o dereito -Javier Moscoso del Prado- e a política -Gerardo Fernández Albor, que foi o primeiro presidente da Xunta de Galicia-.

Con respecto a Magín Froiz, o Goberno quixo "premiar e destacar o mérito dunha conduta socialmente útil e exemplar no desempeño dos deberes que impón o exercicio de calquera traballo, profesión ou servizo".

Magín Alfredo Froiz Planes naceu en Barbastro (Huesca) en 1943 e con tan só 24 anos, en 1968, fíxose cargo do traspaso dun pequeno supermercado da rúa Cobián Roffignac, na cidade de Pontevedra.

Durante unha traxectoria de case cincuenta anos de andaina empresarial, o Grupo Froiz creou máis de 5.000 postos de traballo. Na actualidade, conta con 310 puntos de venda en España e Portugal e en 2016 facturou 605 millóns de euros (sen IVE).

Os premiados hoxe, indicou Rajoy, compoñen "un buen retrato del país que queremos, un país con valores y que valora el trabajo, el afán de superación y el esfuerzo compartido".

A obrigación do Goberno, agregou o xefe do Executivo, é recoñecer eses méritos en nome de todos os españois. "Queremos seguir trabajando y, con referentes como los de hoy, seguro que conseguimos que los mejores años de la historia de España sean los que tenemos por delante", concluíu.