A pouco máis dun día do inicio da campaña electoral, o presidente do PP de Pontevedra e candidato á Alcaldía na cita do 28 de maio, Rafa Domínguez, exhibiu músculo político acompañándose de dous conselleiros da Xunta de Galicia para presentar as súas propostas ás asociacións de mulleres do rural.
Acompañáronlle os conselleiros de Medio Rural e de Emprego e Igualdade, José González e María Jesús Lorenzana, e quixo debullar as súas medidas destinadas a mellorar a calidade de vida e as condicións das parroquias.
Domínguez insiste na necesidade de aprobar un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal que permita unha maior flexibilidade na construción nas parroquias.
Tamén para mellorar a vida das parroquias destaca a importancia de garantir un acceso equitativo aos servizos básicos, independentemente da súa localización xeográfica. "Non podemos permitir que siga aumentando a desigualdade entre os veciños do núcleo urbano e os das parroquias. Ante tal inxustiza, estamos comprometidos, como o estivemos estes catro anos, a garantir a igualdade entre todos os nosos veciños e veciñas" valora.
Mellorar o servizo de recollida de lixos, incluíndo unha maior frecuencia na recolección e unha mellor separación dos residuos, será outra das súas medidas @estrella para o rural. "Isto contribuirá a reducir o impacto ambiental e a mellorar a saúde pública na área rural", explica.
María Jesús Lorenzana subliñou a importancia de promover a igualdade de oportunidades para as mulleres rurais e José González está convencido de que as medidas de Domínguez contribuirán a fomentar a sustentabilidade e o desenvolvemento económico na zona.