Rafa Domínguez reta a Kiko da Silva: "Invítolle a que me demande mañá mesmo"

Pontevedra
29 de febreiro 2020

Lonxe de rectificar, o portavoz do PP de Pontevedra reiterou que o Concello adxudicou "a dedo" o contrato para o deseño deste cartel para Da Silva e que o fixo "axustando cantidades, sen publicitar o contrato e concedéndollo de maneira parcial a un afín"

Rafa Domínguez, portavoz do grupo municipal do PP Mónica Patxot

O enfrontamento entre o ilustrador Kiko da Silva e o portavoz do PP, Rafa Domínguez, segue en plena escalada e, se ninguén o remedia, todo apunta que acabarán nos tribunais.

Domínguez desvelou este sábado que o avogado do artista, deseñador do cartel do Entroido de Pontevedra, remitiulle unha carta na que "me ameaza" con adoptar accións legais se non rectifica as súas declaracións contra el.

"Invítolle a tomar as medidas que considere precisas mañá mesmo. Que non deixe pasar un día máis", sinalou o dirixente do PP, que advirte que se o BNG quere xudicializar a vida política municipal "terá que aterse ás consecuencias".

Lonxe de rectificar, o portavoz do PP de Pontevedra reiterou que o Concello adxudicou "a dedo" o contrato para o deseño deste cartel para Da Silva e que o fixo "axustando cantidades, sen publicitar o contrato e concedéndollo de maneira parcial a un afín".

Domínguez deixou claro que a súa postura "non se moverá nin un ápice" e explicou que acudirá "con gusto" aos tribunais para a explicarlle ao xuíz "como o BNG de maneira reiterada e continua axustan as cantidades e queda uns euros por baixo do límite legal de moitos contratos para darllos sen publicidade e a dedo a xente que conforma as súas listas”.

"O único que premia o BNG é ser dos seus, independente da túa calidade como artista", sinalou o líder popular, que reclamou "democratizar" os procesos selectivos que impulse o goberno municipal.