Rafa Domínguez repartirá 3.000 exemplares dunha publicación do PP, crítica coa xestión de Lores

Pontevedra
03 de decembro 2018

O presidente local do Partido Popular presentaba este luns 'Pontevedra en positivo', un pequeno xornal de 12 páxinas en que se recolle unha entrevista persoal con Núñez Feijóo e unha opinión sobre a cidade na que cre dentro do seu proxecto político cara á alcaldía

Rafa Domínguez e Pepa Pardo len 'Pontevedra en positivo' Mónica Patxot

Rafa Domínguez, presidente local do Partido Popular, presentaba este luns a publicación 'Pontevedra en positivo', un pequeno xornal de 12 páxinas que recolle críticas cara ao goberno nacionalista de Miguel Anxo Fernández Lores e as propostas dos populares de cara ás vindeiras eleccións municipais.

Este luns, o candidato do PP presentaba acompañado de Pepa Pardo, secretaria xeral dos populares locais, a publicación en que se ofrece unha viñeta sobre as viaxes do alcalde Fernández Lores; unha opinión de Rafa Domínguez sobre a Pontevedra na que cre; unha crónica sobre a presentación do candidato popular no Teatro Principal o 27 de outubro; unha entrevista a Alberto Núñez Feijóo, realizada polo propio Domínguez; outra con Juan Luis Pedrosa, alcalde de Pontevedra entre 1995 e 1999; ademais de críticas á xestión de Lores sobre o desemprego, a falta de espazos de aparcadoiro ou a ausencia de sumidoiros no rural.

Nestas críticas tamén se lamenta o peche de Elnosa; a ausencia de transporte público; o millón de euros investidos no plan de compostaxe que os popuoares consideran un "despilfarro" e o abandono de diversos barrios e parroquias do municipio.

Domínguez sinalou que se repartirán 3.000 exemplares desta publicación nas actividades de partido que organicen.

ELECCIÓNS EN ANDALUCÍA

Sobre os resultados electorais tras as eleccións autonómicas celebradas en Andalucía, Rafa Domínguez afirmou que se trata dunha realidade distinta á de Pontevedra pero sinalaba que quedou "claro que Andalucía ha votado cambio".