Tras tres anos de mandato do goberno municipal bipartito, Rafa Domínguez, presidente local do Partido Popular de Pontevedra, quixo facer balance da xestión do equipo que encabeza o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores. Segundo sostén trátase dun goberno "esgotado", que só realiza "anuncios", que despois non se executan.
Domínguez considera que "o alcalde se atopa escondido no seu despacho" e que "é máis facil velo en Estrasburgo que en Pontevedra". En canto a proxectos indicou que a execución de obras é "moi pobre" xa que, segundo entende, só se está a desenvolver a reforma "faraónica" de Loureiro Crespo e "aínda non terminou". Considera que non se realizan obras maiores por "desidia" dos concelleiros.
Afirma que o Partido Popular presenta mocións nos plenos que son rexeitadas polo BNG e o PSOE pero que despois o goberno municipal anuncia como proxectos propios. Citou o caso da reforma da Casa do Concello; a mellora de cemiterios; a eliminación de contedores do centro histórico; ou o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS).
O portavoz da oposición asegura que Pontevedra atópase "máis paralizada" malia os 240 millóns de euros de orzamentos sumados nos últimos tres anos. Lembrou que aínda se descoñece que sucederá co proxecto de reforma de Mollavao; o Pavillón da Parda; e lamentou que sigan sen realizarse obras de relevancia nas parroquias, para engadir que "están a facer menos que nunca". Denunciou o castigo que, ao seu entender, o goberno local mantén co barrio de Monte Porreiro ou o atraso de máis de doce anos na creación do skate park e o proxecto previsto para a rúa Raíña Vitoria.
Entre outros temas, criticou a falta de persoal e de organización en política social; o abandono dos barrios e a "desesperación" para obter licenza ubanística cun "atraso crónico", que se acrecenta no centro histórico pola "dobre lexislación" á que está sometido. Domínguez incidiu en criticar o novo contrato de lixos e na perda de máis de seis millóns de euros de fondos Next Generation. Ademais entende que o goberno local realiza unha mala interpretación "intencionada ou por falta de coñecemento" da nova lei de Transición Ecolóxica.
Rafa Domínguez, sobre o proxecto de Santa Clara: "queremos saber que se vai facer"
Tamén sinala que o tráfico empeorou sendo "dificilísimo estacionar" con carencias que observa tanto nas liñas de autobús como no transporte a demanda, que "vai ser difícil que estea a tempo". Tamén considera unha "aberración" a situación de Raíña Vitoria: "a cidade está pechada sen ningún sentido" e acusaba o goberno de Fernández Lores de mentir cando xustificou o peche nun tema médico derivado das medidas sanitarias adoptadas pola pandemia.
Mostrou a súa preocupación polo proxecto de Santa Clara: "queremos saber que se vai facer", apuntou explicando que é necesario coñecer o proxecto para contar co apoio doutras administracións. Tamén lamentaba os 20.000 euros anuais que o Concello paga polos terreos na Canicouva para a construción dunha "mini-Sogama" que, segundo manifestou, carece das infraestruturas necesarias en canto a accesibilidade ou electricidade.
Finalmente, Rafa Domínguez asegurou que Lores encabezará a lista do BNG nas próximas eleccións municipais "pola enorme decepción interna de quen ía a ser a súa substituta" en referencia a Anabel Gulías, sinalando que o BNG ten un problema de substitución interxeracional porque non houbo mozas con capacidade de liderado para dicir "aquí estou eu". Expuxo que Lores "está canso" e a situación interna da agrupación nacionalista "vai obrigar a que sigan os mesmos que estaban, como dixo Rajoy, no século pasado".
Pola contra, presentou ao PP como unha alternativa política cun equipo formado por persoas con "coñecemento, ideas e forza", segundo manifestou no almorzo informativo que mantivo cos medios de comunicación acompañado por integrantes do seu grupo municipal.