O candidato do PP á Alcaldía de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado polo vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, e o secretario de Deporte, José Ramón Lete, mantivo este martes un encontro cos principais representantes do deporte pontevedrés e deportistas da cidade.
Nesta xuntanza, Domínguez avanzou aos presentes os detalles do seu programa político no ámbito deportivo, que inclúe a construción dunha cidade deportiva en Monte Carrasco e diferentes liñas de apoio económico e social.
Domínguez prometeu poñer ao día o pago das subvencións aos clubs deportivos, "cuyo retraso crónico de hasta tres años os ha generado tanta preocupación". Para solucionalo, explicou, contratarase unha asistencia técnica que se encargará de "coordinar de forma estructurada y rápida" o proceso de subvencións e adxudicacións. "Con este proceso, se espera que los clubes puedan recibir los ingresos en el banco en los meses de diciembre, marzo y junio".
Ademais, comprometeuse a incrementar as partidas dedicadas ao deporte e duplicar o orzamento destinado ás axudas aos clubs deportivos desde o primeiro ano.
Un dos puntos aos que Domínguez dedicoulle máis tempo é á xa anunciada nova Cidade Deportiva en Monte Carrasco, que se construiría en tres fases. A primeira, que levará uns 24 meses e terá un custo aproximado de 12 millóns de euros, incluirá a construción dun pavillón multiusos e dous campos de fútbol. Na segunda, reformarase e modernizará o campo de fútbol do Marcón e o pavillón cun orzamento estimado de 3,5 millóns de euros. A terceira fase terá un orzamento de 4,5 millóns de euros e incluirá pistas polideportivas, dúas canchas de tenis e un circuíto para bicicletas, así como unha ampla zona de calistenia.
Ademais, Domínguez reiterou o seu "compromiso absoluto con el inicio inminente de las obras del campo de fútbol del Salcedo".
Desde o PP tamén xa se traballa en novas fórmulas para aumentar o espazo para a práctica deportiva, como a utilización de dous espazos en desuso na Xunqueira como campos de fútbol e de adestramento, e a mellora do pavillón do Avelino Montero para partidos oficiais.
En canto ás instalacións deportivas acuáticas, Domínguez afirmou que se debe comezar a estudar que o Concello entre como accionista maioritario na Fundación Rías Do Sur e así poñer ao dispor dos clubs acuáticos as instalacións necesarias.
Neste sentido, Domínguez tamén se refire á situación de moitos nenos que non teñen capacidade para facer fronte aos gastos do deporte, como a cota ou a roupa deportiva. Por iso, asegura que se goberna o PP no Concello poderá en marcha un programa de axudas a pedimento dos clubs para sufragar estes gastos.
O popular destacou a necesidade de contar con desfibriladores en todos os espazos deportivos, así como a formación en primeiros auxilios e propón que nas instalacións municipais deportivas haxa persoal sanitario con capacidade para realizar primeiros auxilios e resucitación cardiopulmonar para garantir unha rápida e eficaz atención en caso de emerxencias médicas.
Por último, Domínguez anunciou a creación dun programa de bolsas para deportistas individuais cun orzamento de ata 120.000 euros, a posta en marcha un programa de campamentos deportivos municipais en colaboración cos clubs locais, a creación de campionatos deportivos escolares e a redacción dunha nova ordenanza municipal que optimizaría os recursos e horarios municipais.