Rafa Domínguez esixe transparencia de datos á área sanitaria e medidas económicas urxentes ao goberno de Lores

Pontevedra
10 de setembro 2020

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular reclama que "todos os datos que se teñan se fagan públicos" por parte do Sergas. O líder da oposición criticou duramente a falta de propostas económicas por parte do alcalde de Pontevedra para axudar a autónomos, hostalería e o comercio desde o inicio da pandemia e exise medidas urxentes 

Rafa Domínguez, portavoz do grupo municipal do PP

Rafa Domínguez, portavoz do grupo municipal do Partido Popular, arremetía este xoves contra a xestión económica do Concello de Pontevedra e, en concreto, do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores por non adoptar medidas que axuden a paliar a crise a sectores sensibles como os autónomos, comercios e hostalería. 

Lamentou que o goberno de Fernández Lores rexeitase todas as propostas dos populares para adoptar medidas económicas. Domínguez pregúntase que pasou seis meses despois do inicio da pandemia co "gran plan de axudas" anunciado polo Concello para os sectores máis prexudicados pola pandemia, con 1,2 millóns de euros de investimentos.

Reclama que se destinen axudas económicas a cargo dos orzamentos deste 2020 e con medidas que non se contrapoñan coas doutras administracións, como está a suceder con algunhas das anunciadas polo goberno local. Ademais, lembra que o Concello quere destinar axudas á realización de obras, algo "afastado das necesidades" de todos os sectores, que están a pensar na súa supervivencia.

"Que medidas tomou Lores? Onde está o alcalde? Non estivo durante a pandemia nin tampouco neste momento", afirmou Rafa Domínguez. "Non tomou unha única medida. Está escondido", continuou o portavoz do PP que esixe que que se tomen medidas de inmediato para evitar que continúen pechando empresas do municipio.

RECLAMA TRANSPARENCIA AO SERGAS

Rafa Domínguez, a preguntas dos xornalistas, tamén esixiu "transparencia total ao Sergas, ao Ministerio de Saúde" para que todos os datos sanitarios se fagan públicos "como non pode ser doutra forma".

Sinalou que "non me parece nin lóxico, nin normal nin razoable" se non se están ofrecendo datos nin ao Concello de Pontevedra nin aos medios de comunicación desde a área sanitaria de Pontevedra. "Hai que ser totalmente transparente. Cando tes un paciente tes que dicirlle toda a verdade. Neste caso de saúde pública, os pacientes somos todos e hai que dicirlle todo dunha forma clara e concisa. Se non se fai así, está mal feito", apuntou o representante popular, médico de profesión.

Sobre a aplicación das restricións aprobada pola Xunta de Galicia nas últimas horas para Pontevedra, o portavoz do PP sinalou que hai que respectalas porque a evolución en Pontevedra foi preocupante. "Creo que os pontevedreses van responder moi ben, e esperemos que sexa suficiente para frear o repunte na nosa área xeográfica", concluía Domínguez.