RADIO.-Veterinarios, unha profesión maioritariamente ausente nos comités científicos de xestión da covid-19

Pontevedra
02 de marzo 2021

Este marzo cúmprese un ano desde que a OMS declarou a Covid-19 como pandemia. Doce meses sen que se determinou a causa. O que si parece estar claro é que se orixinou por unha transmisión de animais a humanos. Falamos en PontevedraViva Radio con Luís Núñez, presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios

Luis Núñez Desiré, presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios PontevedraViva

Este marzo cúmprese un ano desde que a OMS declarou a covid-19 como pandemia. Doce meses sen determinar con claridade meridiana a causa. O que si parece estar claro é que se orixinou por unha transmisión de animais a humanos. Tendo en conta esta circunstancia, por que os veterinarios non están presentes en todos os comités científicos que a xestionan?

É unha das cuestións que expomos ao invitado de 'Mentres isto dure', Luís Núñez Desiré, presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios e do Colexio Oficial de Veterinarios de Pontevedra. "Nesta profesión, os coronavirus, son algo co que levamos moito tempo traballando. Á hora de expor como combater unha enfermidade, esa experiencia previa permite extrapolar unhas pautas comúns que teñen estas enfermidades", responde á cuestión.

Explica ademais como cambiou a súa práctica profesional tanto na intervención en explotacións gandeiras, granxas, matadoiros ou control da cadea de seguridade alimentaria. Na charla que mantemos en PontevedraViva Radio, fálanos de transmisións entre humanos e animais; que animais poden desenvolver a enfermidade, ou circunstancias que se atoparon durante o último ano entre aqueles que conviven con animais; fundamentalmente cans.

E é que durante o confinamento, as clinicas veterinarias detectaron casos de lesións articulares por exceso de exercicio ou de abrasións nas extremidades por excesiva aplicación de produtos desinfectantes.

Segundo a OIE, a Organización Mundial de Sanidade Animal, os veterinarios deben considerarse servizos esenciais e como tales, solicitaron á Xunta que teña en conta esta circunstancia no proceso de vacinación, demanda que no caso de Galicia non se atendeu; fronte a algunhas Comunidades que si contaron coas súas especificidades profesionais.