RADIO.- Unha lección desde as Conversas na Ferrería: "as persoas maiores non podemos poñernos cortapisas"

Pontevedra
13 de marzo 2020

Se sumamos idades nestas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio, seguramente resultaría a cifra máis elevada das mantidas. Pero, con toda seguridade, congregamos ás almas máis novas que pasaron polo programa

Pepy, Mª del Carmen, Pilar e Fidelina durante a súa participación en marzo en PontevedraViva Radio PontevedraViva

Aproveitando a iniciativa que Afundación e a Fundación Xeral CSIC están a ofrecer este mes de marzo co título 'A vivir que son cen anos' para abordar o envellecemento saudable e a lonxevidade convidamos ás Conversas na Ferrería a catro das usuarias do Espazo +60 Afundación de Pontevedra. Unha das conclusións ás que chegamos e que elas evidencian é que estamos ante a xeración de maiores máis novos que tivo este país.

Acompáñannos Fidelina Gómez Rancaño, que foi funcionaria administrativa e participa en actividades de inglés, pilates e pandeireta. Pepy González Clavijo, que foi mestra, segue sendo escritora e acode ao centro +60 para as participar en gimnansia e exercer de voluntaria no programa Falamos da Escola. María del Carmen González Lantaño tamén foi mestra e é voluntaria do programa Fálame da Emigración e monitoria voluntaria de conversación en inglés. Completa a charla Pilar Braga Crespo, que estudou Maxisterio e conta que "me falta moitísimo para xubilarme" xa que segue atendendo á súa familia.

As súas situacións familiares son diversas; con e sen ausencias; coa descendencia máis ou menos próxima; pero una das circunstancias que lles une é a súa actitude: activas, dispostas a facer cousas novas, a dedicar tempo ás súas afeccións e a seguir descubrindo. Como ben sinala Carmen "as persoas maiores non podemos poñernos cortapisas e dicir eu non podo, eu non podo... temos que tentar facer máis do que se pode. Logo se cadra, lévanos máis tempo, pero hai que facelo".

No caso concreto destas actividades do Espazo +60 apuntan que lles reporta "saúde mental e física"; da conversación que mantemos en PontevedraViva Radio extraemos que tamén lle da confianza en si mesmas e nos seus potenciais, grandes amizades, satisfacción persoal,... Expomos diversidade de temas durante a charla por exemplo, por que a sociedade segue sen normalizar a sexualidade entre os maiores? elas desde logo, responden con absoluta normalidade e naturalidade.

Aprender a tocar instrumentos musicais, viaxar, comprar unha autocaravana para seguir coñecendo mundo... son materias que sinalan teñen pendentes, pero que están dispostas a sacar adiante. Como elas din: "nunca é tarde para aprender, nin para facer cousas".