RADIO.- Un 20 de xaneiro para reivindicar a práctica do tenis de mesa e o traballo dos profesores

Pontevedra
18 de xaneiro 2022

O 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio ten nesta ocasión tres persoas como convidadas. Fernando Álvarez que pon voz e representación ao Club Tenis de Mesa Monte Porreiro, entidade deportiva que recibirá xunto aos filólogos Vitoria Ogando e Anxo González os Premios Cidade de Pontevedra 2021

Fernando Álvarez adestrador do Club Tenis de Mesa Monte Porreiro, Vitoria Ogando máis Anxo González PontevedraViva / Mónica Patxot

Este vindeiro 20 de xaneiro será unha xornada especial para unha parella de filólogos, Vitoria Ogando e Anxo González. Tamén resultará así para o Club Tenis de Mesa Monte Porreiro. Os primeiros e o segundo compartirán, en apartado de persoa física e xurídica respecticamente, a recepción dos Premios Cidade de Pontevedra 2021. Eles protagonizan unha edición do podcast 'Cara a cara'.

En nome do Club pontevedrés fala Fernando Álvarez Cao, o seu adestrador e director deportivo. O Club Tenis de Mesa Monte Porreiro cumprirá vinte e cinco anos de actividade o próximo ano. O seu fillo lembra ante o micrófono como Lucho Álvarez ofreceuse "a impartir o tenis de mesa como unha das propuetas do Plan Comunitario de Monte Porreiro e que a poboación máis nova do barrio tivese alternativas de tempo libre". 

Desde entón a hoxe a través deste deporte manteñen ese "labor social cuns valores e raíces moi definidas" e cunha práctica que "é moi inclusiva, onde calquera ten cabida, porque é moi integradora".

Preguntamos pola visibilidade que reportan para a cidade: "son anos levando o nome de Pontevedra por toda España e tamén trouxemos a Pontevedra a moitas persoas nos campionatos organizados", eventos que esperan sexan máis unha vez que dispoñan desas comprometidas instalacións idóneas para o tenis de mesa.

VITORIA E ANXO

Pola súa banda Vitoria Ogando e Anxo González, licenciados en Filoloxía Galego-Portuguesa, profesores, escritores e creadores en 2005 da webogalego.eu (tamén co dominio .gal), concitaron a dous institutos, librerías de Pontevedra e Bueu, un blogue, colectivos culturais, veciñais e profesionais para propoñelos como merecedores destes premios.

"É gratificante que sexan tantos e que entre eles haxa alumnos, polo que o entendemos como un recoñecemento aos profesores", valoran.

En 2017 acompañáronnos en PontevedraViva Radio para falar do galego, unha lingua por e para a que seguen traballando. De entón a hoxe "hai pasos adiante, pero tamén atrás.

O panorama político influíu negativamente na súa consideración; volven saír voces críticas que anos atrás non había" considera Vitoria, ao que Anxo engade: "mira a literatura infantil e xuvenil en galego, é marabillosa e tradúcese a outras linguas, pero miremos aos escaparates das librerías por que na maioría non está presente? miremos os medios de comunicación... danse pasos si, hai máis persoas comprometidas, pero falta ese gran paso de considerar que a nosa lingua é o galego e ten que estar presente en todos os ámbitos da nosa vida".

Internet foi incorporando ferramentas para divulgar o galego, "pero aínda son insuficientes" coinciden. Eles, desde a súa web e actividade reciben consultas de dentro e fóra de Galicia, de persoas que preparan oposicións e de estranxeiros que queren achegarse a esta lingua. E tamén desde países estranxeiros están a chegarlles estes días felicitacións de ex alumnos dispersos polo mundo.